[02/10/2008] O Salón Teatro de Santiago acolle mañá día 3 de outubro ás 20.00 horas a estrea de Game over, a última proposta escénica da compañía CaChuzo, na que Carlos Losada dirixe un texto propio, o gañador do II Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil. Durante a fin de semana haberá dúas funcións máis -que terán lugar o sábado 4 tamén ás 20:00 e o domingo 5 ás 18:00 horas- e que están especialmente destinadas a un público familiar con nenos a partir de 6 anos.
Game over , orixinal de Carlos Losada Galiñáns, obtivo en 2007 o premio Manuel María, convocado daquela polo Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais. A obra, publicaca en réxime de coedición con Edicións Xerais de Galicia como número 8 da colección Biblioteca Dramática Galega , fora escollida polo xurado do galardón polo seu "bo ritmo, as súas boas posibilidades escénicas e a frescura da súa linguaxe". Tamén se valoraran as virtudes dun texto "doado de seguir para a mocidade" e que introduce unha mensaxe moi actual, como é o illamento ao que se someten hoxe en día os pequenos enganchados ao mundo das pantallas.
As aventuras de Roi
Game over conta a viaxe dun neno chamado Roi ao país das súas marabillas, dos seus xogos e dos seus medos, unha aventura que, como toda andanza que mereza ser recordada, sempre deixa de agasallo moito máis do que o propio aventureiro imaxinou. A historia dá comezo cando Roi prende a videoconsola para botar outra partida co seu xogo favorito desde hai unhas semanas, a última versión dos súper loitadores Mortal Kombat versión 3.0 . Pendente de chegar ao gran final do xogo, nin atende a chamada do seu amigo Sebas nin a do pai, e ten unha boa liorta coa nai. Roi, malia todo, xoga coa consola ata quedar durmido deixando a Ken, o personaxe do seu videoxogo favorito, perdido baixo as letras vermellas de «Game Over».
A posta en escena de Game over mestura coreografías, cancións e proxeccións de animacións dunha grande plasticidade que dan como resultado un espectáculo visual único, dirixido ao público infantil e familiar.
A interpretación corre a cargo dun elenco de seis actores e actrices: Silvia Cerneira, Christian Escuredo, Clara Gayo, Daniel Méndez, Laura Míguez e Pepa Yáñez; en tanto que Ramón Raíndo é o responsable do espazo sonoro; Octavio Mas, da iluminación; e La Canalla, do vestiario. Rebeca Díaz asume á produción e a produtora galega Nbek, as proxeccións audiovisuais.
CaChuzo está a realizar unha residencia técnica no Salón Teatro desde o pasado luns 29 de setembro e levou a cabo sobre o escenario da estrea o último período de ensaios e a asistencia de todo o equipo da sala.
O autor e director teatral Carlos Losada Galiñáns (Cambados, 1966) estreou unha ducia de espectáculos en compañías universitarias e independentes de Galicia, entre outros Os Xemelgos de Plauto , Proceso en Jacobusland de Blanco-Amor, e textos propios, Desamañecendo , Síntoo , Señor dado . No ano 2000 funda con Rubén Ruibal a compañía profesional teatro caChuzo, coa que dirixe Fume de Carlos Losada e Rubén Ruibal; Insomnio (2003) de Rubén Ruibal e Charlie’s Angels’sex (2005) de Begoña Ferreira e Eva Gontad. Traballou no equipo de dirección dos espectáculos Criaturas e Animaliños de Teatro do Aquí e no Rosalía do CDG, todos baixo dirección de Roberto Vidal Bolaño.
As entradas para as representacións de Game over poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo do espectáculo. O prezo das localidades é de 10 euros para o sábado, cun desconto do 40% para menores de 12 anos, estudantes, usuarios de carné xove e maiores de 65 anos, e de 5 euros para o domingo, día do espectador. Igualmente, está a disposición do público o Bono de Outono, válido para adquirir catro localidades para asistir a outras tantas funcións (a produción do CDG A boa persoa de Sezuán máis outros tres espectáculos a escoller) por un prezo total de 20 euros. O bono implica un aforro do 50% sobre o prezo xeral e pódese mercar na billeteira do Salón Teatro.