Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

CISCO AZNAR DIRIXIRÁ "GISELIÑA" PARA ESTREAR EN MARZO

O Centro Coreográfico abre temporada co reforzo da súa rede de accións descentralizadas de apoio á danza

[01/10/2008] O Centro Coreográfico Galego (CCG) da Consellería de Cultura e Deporte principia temporada reforzando e afondando nas liñas de traballo que puxo en marcha nestes dous anos de actividade. A colaboración continua con entidades e estruturas, tanto da nosa Comunidade coma do exterior, presidirá a actividade do centro como unha realidade descentralizada e aberta que hoxe en día está presente xa en diversos espazos e promove novos camiños para a danza galega. A conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, e a coordinadora do CCG, Natalia Balseiro, presentaron hoxe toda a programación nun acto celebrado no Teatro Rosalía Castro da Coruña no que tamén interviron os responsables artísticos dos principais proxectos.

O CCG, que naceu en 2006 para desenvolver a danza e as artes do movemento en Galicia, enfronta na temporada 08-09 a produción de Giseliña , unha adaptación de Giselle que está a poñer en marcha o coreógrafo Cisco Aznar. Ademais, coproducirá dous espectáculos: Concerto Desconcerto coa compañía Entremáns e Ovay con Quique Peón. O apoio á creación complétase co programa Artistas en Residencia, que contara con oito novos proxecto a partir de xaneiro de 2009.

O Centro Coreográfico Galego simultaneará a anterior actividade creativa co desenvolvemento dunha sólida proposta formativa dirixida tanto aos profesionais das artes do movemento como á cidadanía, e un programa pedagóxico no que a través de distintas unidades didácticas, tenta achegar a música e a danza aos máis mozos.

Giseliña , de Cisco Aznar

A terceira produción do CCG, despois de Vacuo de Maruxa Salas e Kiosco das almas perdidas de Roberto Oliván, é Giseliña, unha libre adaptación de Giselle que dirixe o catalán afincado en Suíza Cisco Aznar. O propio coreógrafo seleccionou, a través dunha audición pública internacional, o seu equipo de traballo, do que forman parte cinco bailaríns galegos. Giseliña , que se estreará o 7 de marzo de 2009 no Teatro Rosalía Castro da Coruña, conta coa colaboración do Centro Párraga de Murcia, de La Laboral de Xixón e do Concello da Coruña.

Seguindo a mesma liña desenvolvida até hoxe, o CCG aposta polo espallamento xeográfico das súas actividades e pola contribución á formación dos futuros profesionais. Por iso chegou a un acordo coa Facultade de Ciencias do Deporte da Coruña para que un dos seus alumnos realice prácticas como intérprete de Giseliña, e asinou un convenio coa Consellería de Educación para que alumnos de diversas escolas galegas fagan prácticas no CCG durante o proceso de deseño e realización da escenografía e do vestiario da nova produción.

O espectáculo levará a cabo unha xira de cinco meses por distintos espazos dentro e fóra de Galicia. De xeito paralelo a esta xira organizaranse distintas actividades formativas para achegar a linguaxe de Cisco Aznar á cidadanía.

Coproducións e Artistas en Residencia

A través deste programa o CCG apoia proxectos profesionais de danza de carácter privado e independente e colabora con artistas emerxentes en idade ou traxectoria. Nesta nova tempada o CCG pon en marcha dúas coproducións: Concerto Desconcerto , coa compañía Entremáns; e Ovay , con Quique Peón.

Estes proxectos reciben xunto cun apoio económico, un acompañamento durante o proceso creativo. Este asesoramento, que se realiza tanto na fase de preprodución como na de produción e distribución, levarao a cabo a produtora e xestora cultural Marta Oliveres, manager e distribuidora de artistas como Carles Santos, Marcel.li Antúnez ou Roger Bernat.

A liña de apoio á creación complétase co programa de Artistas en Residencia, co que o Centro Coreográfico Galego apoia a creación da danza a través da investigación, apostando por proxectos arriscados que buscan novas linguaxes artísticas. Este sistema ofrece aos creadores recursos para investigar e experimentar, traballando en rede coas cidades de Santiago, Coruña e Ferrol, ás que nesta temporada se suma a cidade de Vigo. Deste xeito os proxectos reciben, ademais dun apoio económico, un espazo de traballo durante catro semanas e a posibilidade de estar unha semana en residencia técnica.

A nova convocatoria de Artistas en Residencia, que se fará pública este mes de outubro, ten como novidade que os proxectos recibirán, ademais do apoio anteriormente mencionado, un asesoramento artístico e un apoio na produción. Unha iniciativa coa que o CCG quere incrementar a axuda aos beneficiarios, tanto cualitativa como cuantitativamente.

Formación

O programa de Formación do Centro Coreográfico Galego diríxese por unha parte aos profesionais da danza e outras artes do movemento e por outra parte á cidadanía a través dunha liña de formación dirixida ao público e aos centros educativos.

A formación para profesionais está destinada a artistas que traballan no campo da danza e a artistas doutras disciplinas que teñen a danza como referencia (actores, profesionais do circo, etc). Organízase de xeito descentralizado con outras estruturas culturais co obxectivo de crear unha rede que chegue ao maior número de persoas.

A formación para público ten como obxectivo situar a danza na vida cotiá das persoas, converténdoa nunha ferramenta para o desenvolvemento integral do individuo. Dentro desta liña de traballo, e en colaboración coa Fundación Luís Seoane e a Asociación NU2's, o 25 de abril de 2009 organizaranse uns talleres participativos de interpretación da vídeodanza para todos os públicos.

Ademais, en colaboración coa Asociación de Danza (APDEGA), poñerase en marcha un completo programa de formación que, coincidindo coa xira de Giseliña, achegará a linguaxe de Cisco Aznar á cidadanía. Con este mesmo obxectivo de traballar na formación do público, a peza terá unha preestrea o 6 de marzo no Teatro Rosalía Castro para centros de educación secundaria e bacharelato.

Doutra banda, o CCG ten en marcha un completo programa pedagóxico dirixido a centros de educación da área metropolitana da Coruña co que achegar a danza e a música aos máis mozos. Este programa consta de tres unidades didácticas de danza e tres de música, que a través de actividades lúdicas, achegan estas artes aos alumnos.

A esta oferta, tanto no referido a público como a profesionais, hai que sumar as actividades formativas que realizan os artistas en residencia e os que están en coprodución co CCG.

Coleccións Bitácora e Corpo de Letra

O Centro Coreográfico Galego desenvolve un importante proxecto editorial a través das coleccións Bitácora e Corpo de Letra . Na colección Bitácora o CCG recolle a memoria da danza, poñendo á vista os procesos creativos, amosando as notas e a evolución dun espectáculo dende a idea inicial até a presentación final da peza coreográfica.

Ademais, en colaboración co Mercat de les Flors e a Aula de Danza Estrella Casero da Universidade de Alcalá, o Centro Coreográfico Galego pon en marcha a colección Corpo de Letra , un proxecto que xorde da necesidade de dotar de obras de referencia e propostas críticas a un ámbito artístico que en España conta cun escaso acompañamento teórico. Corpo de Letra traballa en dúas liñas básicas: por un lado a tradución de textos que se consideran imprescindibles para a creación da danza actual e, por outra, a edición dunha produción propia que articule un corpo teórico-crítico en torno á danza. Está formada por dez libros a publicar en tres anos, dos que se editarán versións en castelán, catalán e galego, así como unha recompilación anual en inglés dos textos inéditos nesta lingua.

Documentación