[10/09/2008] A compañía Nova Galega de Danza e o Centro Coreográfico Galego (CCG) da Consellaría de Cultura e Deporte estrean Tradicción o vindeiro venres 12 de setembro, ás 21.00 h., no Teatro Rosalía Castro da Coruña. A montaxe, que estará no mesmo escenario tamén o sábado 13, conta coa colaboración do Concello da Coruña e pertence ao programa de coprodución 2008 a través do que o CCG apoia proxectos de danza de iniciativas profesionais independentes e privadas.
Tradicción é un importante paso adiante no traballo de Nova Galega de Danza no tocante a profundizar nos elementos tradicionais da cultura galega desde a contemporaneirade. Está dirixida e coreografiada por Jaime Pablo Díaz e Vicente Colomer, que interpretan a peza xunto a outros cinco bailaríns e bailarinas: Alba Vázquez, Emma Cabañas, Laura García-Vera, Lorena Ballesteros e Iván Villar. A dirección musical correspóndelle a Pedro Lamas, quen actúa en directo en cada representación nun conxunto de sete músicos.
Réxime de coprodución
A montaxe foi deseñada en réxime de coprodución co Centro Coreográfico, dentro do grupo de proxectos que parten da iniciativa privada pero reciben da entidade pública unha dotación económica, un acompañamento do equipo do CCG durante o proceso de creación e produción mailo deseño dun apoio específico de recursos para cada proxecto, segundo as necesidades que este xenere.
No caso de Tradicción, ademais da axuda económica, a compañía contou coa titoría artística de Mateo Feijoó, coreógrafo e director de Laboral Escena de Xixón, quen compartiu o proceso creativo con Nova Galega de Danza, achegando unha ollada externa e enriquecedora.
Ademais do compositor Pedro Lamas, completan o equipo artístico nomes como o da deseñadora de vestiario Stefanie Pasterkamp ou do iluminador Antón Cabado. Todos eles buscan con Tradicción novos camiños de expresión sen renunciar ás raíces da cultura galega.
Nova Galega de Danza aumenta, para esta produción, o número de bailaríns, o que, xunto coa singular posta en escena, propicia un espectáculo que impacta, convertendo o escenario nun anaco de realidade. A compañía galega colaborou para o espectáculo con artistas doutras disciplinas, traballando aspectos coma o deseño do espazo escénico e a videocreación.
Outro apartado decisivo desta montaxe é a participación do novo director musical da compañía, Pedro Lamas e do pianista asturiano de jazz, Jacobo de Miguel. O resultado é unha musica persoal que ten un papel determinante.
Despois da súa estrea na Coruña, Tradicción iniciará unha xira por Galicia que a levará polos principais espazos das catro provincias.
A compañía
Nova Galega de Danza iniciou a súa andaina en 1988, co traballo dos bailaríns Vicente Colomer e Jaime Pablo Díaz na busca de novas formas de expresión e da procura dunha fusión entre a tradición folclórica galega e a danza contemporánea.
Alento, o seu primeiro espectáculo, estréase no Teatro de Madrid (La Vaguada) o 8 de maio de 2003. Foi finalista dos Premios MAX como Mellor Espectáculo Revelación de 2005. A Alento seguiu Engado, estreado no Teatro Rosalía Castro da Coruña o 10 de febreiro de 2006. Na actualidade a compañía atópase inmersa nun proceso de investigación de achegamento á danza tradicional e de busca dunha danza contemporánea de marcado carácter galego.