Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

DO 3 AO 10 DE XULLO

A EAEM celebra o V Festival de contrabaixo Ludwig Streicher

[29/06/2006] O Festival de Contrabaixo "Ludwig Streicher" celebrará a súa quinta edición do 3 ao 10 de xullo na sé da EAEM, en Santiago de Compostela, cun programa que combina as sesións lectivas, teóricas e prácticas, con conferencias e concertos abertos ao público xeral e de entrada libre.

Un total de 26 alumnos procedente de diferentes puntos do Estado participarán no encontro, ao que este ano se incorpora o recoñecido contrabaixista vienés Wolfgang Harrer como parte do profesorado, que encabeza o mestre catalán Ferrán Sala.

A AIE colabora coa Escola, que xestiona a Consellería de Cultura e Deporte a través do IGAEM, na organización deste festival, que naceu grazas á iniciativa dun grupo de antigos alumnos do desaparecido mestre austríaco Ludwig Streicher na Escuela Superior Reina Sofía de Madrid. Carlos Méndez, contrabaixo principal da Real Filharmonía de Galicia e profesor da Escola, coordina o encontro.

Clases maxistrais

Ferrán Sala, ex intérprete da Orquestra Municipal de Barcelona e da Sinfónica do Gran Teatro do Liceo e pioneiro no ensino do contrabaixo en España durante a súa etapa como profesor nos conservatorios do Liceo de Barcelona, e Wolfgang Harrer, ex contrabaixista da Orquestra Sinfónica da Radio de Viena e da Orquestra de Cámara da Ópera vienesa e profesor na Academia de Música de Saarbruecken (Alemaña), impartirán as clases maxistrais do programa lectivo, no que Carlos Méndez e Christoph Filler, contrabaixo principal da Bilboko Orquestra Sinfónikoa e profesor no Conservatorio Profesional de Música de Leioa (Biscaia), encargaranse das sesións de repertorio solístico; Damián Arenas, contrabaixo tutti da Orquestra Sinfónica de RTVE, de repertorio orquestral; Roberto Terrón, contrabaixo co-principal da Orquestra de RTVE e profesor do conservatorio de Toledo, de música de cámara; e Alfonso Morán, contrabaixo co-principal da Real Filharmonía, de jazz. Os pianistas Ángel Gago e Lorenzo de los Santos acompañaranos no desenvolvemento das clases.

En canto ás actividades paralelas, os alemáns Bernd e Michael Dölling, prestixiosos construtores de arcos para instrumentos de corda e herdeiros dunha tradición familiar que se remonta ao ano 1898, impartirán dúas conferencias sobre o labor da casa Dölling (4 de xullo, ás 13:00) e sobre a construción de arcos no século XXI (6 de xullo, ás 13:00). Ademais, os profesores Xosé Crisanto Gándara e María Jesús Navalpotro falarán sobre o leigado musical de Antoni Torelló, contrabaixista catalán que desenvolveu boa parte da súa carreira musical en Filadelfia– o día 7, ás 17:00, e Ferrán Sala ofrecerá unha charla sobre técnicas de estudo para enfrontar as obras o sábado 8, ás 16:00.

Todas as conferencias terán lugar no auditorio da Escola de Altos Estudos Musicais, onde se celebrarán tamén o concerto do dúo Cordófonos, integrado por Carlos Méndez e Alejo Amoedo, o día 7, ás 19:00, e os que protagonizarán os alumnos do encontro os días 9 e 10 de xullo, ás 20:30. O Dado-Dadá Jazz Club de Santiago será o escenario doutra das actuacións do V Festival de Contrabaixo Ludwig Streicher, o mércores 5 ás 22:30, a cargo do Cuarteto Roberto Somoza.