[07/08/2008] O Salón Teatro de Santiago inaugurará en setembro a carteleira da súa nova temporada escénica 2008-2009, que ata finais de ano ofrecerá un total de 42 funcións de teatro e danza, cunha destacada presenza do teatro feito en Galicia. Así, a programación do espazo escénico que xestiona o Centro Dramático Galego (CDG) presenta os últimos espectáculos das compañías galegas Matarile Teatro, Teatro Cachuzo, Lagarta Lagarta, Teatro do Atlántico, Galitoon, Pistacatro e Sarabela Teatro, que compartirán cartel con Kónic Thtr (Cataluña), Atra Bilis (Madrid), Teatro do Frío (Porto) e Teatro Gorakada (Euskadi) e coa nova produción do CDG, A boa persoa de Sezuán, de Bertolt Brecht baixo dirección de Nuno Cardoso.
Animales artificales, o último espectáculo de Matarile Teatro, abrirá a carteleira con catro funcións os días 25, 26, 27 e 28 de setembro. Esta proposta xira en torno a empatía e o equilibrio entre o que queda do noso animal e os mundos artificiais que habitamos. Para explicar o argumento desta nova creación, a directora Ana Vallés utiliza palabras que o premio Nobel surafricano Nobel Coetzee escribiu no seu libro Elizabeth Costello: "Hai xente que ten a capacidade de imaxinarse como outra persoa e hai xente que non a ten (cando esa carencia é extrema, chamámolos psicópatas). E hai xente que ten esa capacidade pero decide non poñela en práctica".
Teatro infantil
Despois de Matarile, o Salón Teatro acollerá os días 3, 4 e 5 de outubro a estrea do espectáculo infantil Game over, da compañía Teatro Cachuzo. Carlos Losada é o autor e director desta obra, pola que foi galardoado co Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil en 2007. O texto conta as aventuras de Roi, un neno que non para de xogar coa consola ata quedar durmido, deixando a Ken, o personaxe do seu videoxogo favorito, perdido baixo as letras vermellas de "Game over". Roi emprende así a viaxe ao seu país das marabillas e dos seus medos.
De Game over, o xurado do Premio Manuel María salientou o interese do seu tema central: o illamento ao que se someten na actualidade os pequenos enganchados ao mundo das pantallas. Destacou, así mesmo, o interesante tratamento que se lle concede á violencia e a introdución da máquina como un dos personaxes.
Do 9 ao 12 de outubro o Salón Teatro acollerá a produción de Lagarta Lagarta Aeroplanos, unha comedia orixinal do arxentino Carlos Gorostiza baixo a dirección de Rosa Álvarez. Os seus dous protagonistas, Cristo e Paco (interpretados por Ernesto Chao e Xosé M. Olveira "Pico"), son amigos desde a infancia e quedan viúvos case ao mesmo tempo. A partir dese momento, a súa amizade vese reforzada, chegando a ser imprescindible un para o outro. As pelexas, o amor, a lealdade, a xenerosidade, a risa e as bágoas forman parte desta relación que consegue momentos hilarantes, pero tamén cheos de tenrura.
Escena interactiva
A programación continuará os días 1 e 2 de novembro co espectáculo de danza Nou I_D, a cargo da plataforma artística catalá Kónic THTR, que desenvolverá un proxecto de escena interactiva para danza e voz. A peza, creada e dirixida pola galega afincada en Barcelona Rosa Sánchez, fala de persoas en mobilidade continua, dos desprazados que viven de forma provisional. Xentes en busca de novas oportunidades que para conseguir achegarse ao seu soño han de perder o seu pasado e adoptar novas identidades. Aquí o soño chámase Miticland, lugar estático, de personaxes fixados ao lugar. En Nou I_D, un personaxe quere entrar e outro tenta fuxir desa cidade imaxinaria. Son dous personaxes femininos que xunto cos habitantes de Miticland convértense na información que flúe polas súas arterias tecnolóxicas.
Os días 22 e 23 de novembro a compañía madrileña Atra Bilis porá en escena El año de Ricardo, con autoría e dirección de Angélica Liddell. Inspirada na obra Ricardo III de Shakespeare, Liddell comparte escenario con Gumersindo Puche para presentar unha peza sobre as relacións entre corpo e poder, entre o privado e o público. Ricardo é un manipulador de opinións, hipócrita e ruín tirano lexitimado pola democracia, cuxa máxima aspiración consiste en instaurar o temor como orde mundial.
Xa en decembro, do 18 ao 21, Teatro do Atlántico porá en escena Unha primavera para Aldara, da autora monfortina Teresa Moure e texto gañador do XIII Premio Rafael Dieste. Xúlio Lago é o responsable da dramaturxia e dirección desta peza ambientada na época das revoltas irmandiñas que interpretan María Barcala, María Bouzas, Belén Constenla, Marcos Correa, Josi Lage, Amparo Malo, Xoán Carlos Mejuto, Pilar Pereira, Lucía Regueiro e Agustín Vega.
A carteleira pecharase un ano máis coa Mostra de Teatro Infantil no Nadal, dentro da que se exhibirán do 26 ao 30 de decembro cinco espectáculos: Babiliglub, de Galittoon (día 26); Diz que diz, do grupo portugués Teatro do Frío (día 27); Ringorrango, de Pistacatro (día 28); La ciudad inventada, da compañía vasca Gorakada (día 29); e Cristovo e o libro das marabillas de Sarabela Teatro (día 30) son as propostas que se inclúen nesta xa consolidada cita co teatro para nenos e nenas.
Plan de produción propia
Canto ao labor de produción propia do Centro Dramático Galego, o primeiro dos espectáculos que verá a luz será A boa persoa de Sezuán, unha proposta que dirixe Nuno Cardoso, un dos responsables do bo momento que atravesa a creación dramática contemporánea en Portugal. No elenco, once actores e actrices galegos: Rosa Álvarez, César Cambeiro, Antón Coucheiro, Mónica García, Rocío González, Roberto Leal, Rebeca Montero, Marta Pazos, Alberto Rolán, Toni Salgado e Hugo Torres.
A nova produción do CDG estrearase o día 24 de outubro no Salón Teatro, onde ofrecerá dúas funcións máis os días 25 e 26 antes de iniciar a xira por distintos escenarios galegos. A boa persoa de Sezuán regresará ao espazo compostelán o 26 de novembro onde permanecerá ata o 14 de decembro.
Pasaron 65 anos desde que un expatriado Bertolt Brecht escribira en California esta fábula amarga onde a bondade é detestada ao límite nun mundo desprovisto dela e, no cal, a "boa persoa" en cuestión adquire interpretacións cada vez máis distantes daquilo que, botando man do sentido común, se entendería como bondade ou persoa bondadosa.
A obra comeza coa baixada á Terra de tres deuses coa esperanza de atopar persoas que sigan os seus ditados, isto é, que sexan persoas boas e xustas. A primeira que descobren é a única que os acolle en Sezuán, Shan-Che, unha prostituta á que premian dándolle outro medio de vida: unha tenda de tabaco. Pero os habitantes da aldea non tardarán en aproveitarse descaradamente das boas intencións da moza, polo que esta, cansada deles, decide disfrazarse dun personaxe masculino chamado Shui-Ta que, con enorme frialdade, expulsa a todos os que queren vivir a conta do seu sacrificio.