[24/07/2008] O Centro Coreográfico Galego (CCG) remata mañá 25 de xullo na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT) a xira da súa produción Kiosco das almas perdidas. A última función da peza que dirixiu o coreógrafo catalán Roberto Oliván e que conta coa interpretación musical en directo a cargo de Mercedes Peón -recente Premio Nacional da Cultura Galega- terá lugar no Auditorio do Castelo ás 23.00 horas. A entidade da Consellaría de Cultura entra así na recta final da súa segunda temporada de existencia, durante a que logrou consolidarse coa participación de máis de 9.000 persoas nas diversas actividades artísticas e formativas programadas.
Ribadavia porá o remate a unha xira de cinco meses cun total de 29 representacións de Kiosco das almas perdidas, 6.500 espectadores e intensas actividades formativas por 8 municipios galegos (A Coruña, Vigo, Pontevedra, Vilagarcía, Santiago, Narón, Tui, Ferrol, Ourense e Carballo) e outras 8 localidades de fóra de Galicia (Xixón, Cádiz, Reus, Sevilla, Málaga, Viseu, Ponferrada e Barcelona). O show-case do Instituto Cervantes en Xixón ou o prestixioso festival Grec de Barcelona foron algunhas das máis importantes citas nas que se amosou e se acolleu con gran expectación a produción galega.
Os responsables do CCG escolleron ademais o marco da MIT para facer un balance xeral da temporada 2007-2008, a segunda de funcionamento desta entidade creada pola Consellería de Cultura e Deporte en 2007 para a difusión da danza en todos os seus ámbitos. Miguel Martín, director da AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais), e Natalia Balseiro, coordinadora do CCG, compartiron hoxe co concelleiro de Cultura de Ribadavia, Anxo Collarte, unha rolda de prensa na que coincidiron en cualificar como moi satisfactorio o traballo levado a cabo no último ano.
Captación de públicos
Con KKiosco das almas perdidas, o Centro Coreográfico Galego avanzou na procura de captación de espectadores para a danza, a través da utilización de novas linguaxes escénicas que mesturan distintas disciplinas e que conectan sobre todo co público xove, aínda que tamén cos nenos e cos maiores. Así, de xeito paralelo á xira, organizou diferentes actividades formativas vinculadas ao espectáculo -algunhas delas realizadas en colaboración cos concellos e coa APDG (Asociación de Profesionais de Danza de Galicia)-,nas que se conseguíu involucrar a 1.400 alumnos e alumnas.
Máis alá desta peza de produción propia, o CCG levou a cabo unha intensa actividade formativa e artística en distintos formatos e para destinatarios específicos. Iniciativas como ensaios abertos, clases maxistrais e talleres, congregaron ao longo de 10 meses un total de máis de 9.000 persoas, entre profesionais da danza e público xeral, o que supuxo a consolidación do organismo como referente da promoción da danza no país.
No apartado concreto de formación para profesionais da danza, o CCG trouxo á illa de San Simón e coorganizou o pasado mes de xuño o Mov´s, encontro itinerante promovido polo Mercat de les Flors de Barcelona, no que participaron máis de 200 persoas. Desde setembro de 2007 ofreceu así mesmo un total de 17 cursos e xornadas formativas a cargo de 21 mestres de recoñecida traxectoria internacional aos que acudiron 213 alumnos e alumnas para perfeccionar os seus coñecementos en áreas que foron desde o entrenamento físico e a linguaxe da danza até a programación de espectáculos e a relación cos públicos.
No tocante á creación, o CCG completou a súa actividade coa coprodución de tres espectáculos: Negro, con Daniel Abreu; Tradicción, con Nova Galega de Danza; e Femenine, con Paulo Ribeiro. Protagonizou ademais propostas específicas de menor formato, tales como as tituladas Ecdisis (para o Mov´s) ou Pequenos espazos imaxinarios (para o Festival Empape-Fundación Luís Seoane); e levou a cabo a súa convocatoria anual de residencias artísticas, das que se están a beneficiar varios artistas galegos.
O Kiosco... de Oliván
Con Kiosco das almas perdidas, o Centro Coreográfico Galego procurou a captación de novos espectadores para a danza, a través da utilización de novas linguaxes escénicas que mesturan distintas disciplinas e que conectan co público máis novo. Esta montaxe é froito da residencia de Roberto Oliván durante tres meses en Galicia, e está coproducido polo Laboral Escena xixonés. A peza é unha reflexión sobre a vida e sobre a nosa capacidade de resposta ante ela. No escenario amósanse individuos expulsados, desconectados e abandonados, que buscan unha nova fórmula de supervivencia. Kiosco das almas perdidas está inspirado no mítico lugar do Berbés en Vigo, como metáfora do punto de encontro entre personaxes dispares, unidos por un forte carácter, que se atopan no abrente do día.
Para levar a cabo este proxecto, Oliván reuniuse con profesionais de distintas disciplinas, buscando a colaboración entre eles. Este xeito de traballar, aberto e dinámico, enriqueceu ao máximo a proposta, que conta tamén con Mercedes Peón a cargo da música, o Mago Antón na asesoría máxica, Baltasar Patiño na iluminación, Muriel Felix na videocreación, Roberto Magro ‘Tober’ na dramaturxia ou Fiumfoto na videocreación. Sobre o escenario, once bailaríns de distintas nacionalidades dan vida a uns personaxes que viven no límite, espidos de formas e regras. O seu director propón ao espectador a busca dun lugar no que ser un mesmo, a través dunha montaxe escénica sen artificios na que se mesturan distintas disciplinas para amosarnos a alma espida do ser humano.
Coreógrafo catalán formado no Institut del Teatre de Barcelona e na P.A.R.T.S. (Performing Arts Reseach and Training Studios) de Bruxelas, Roberto Oliván é un dos creadores máis destacados da danza contemporánea. Presenta este traballo despois dunha longa estadía en Bruxelas onde desenvolveu a súa actividade artística como intérprete e creador ao lado de grandes profesionais como Anne Teresa de Keersmaeker, Josse de Pauw, Trisha Brown ou Robert Wilson. Dende 1996 crea as súas propias coreografías e imparte clases en distintos centros europeos. En 2001 funda a súa compañía Enclave Dance Company. Dende 2004, é tamén o director artístico do Taller Internacional de Danza Contemporánea de Tortosa, que se celebra anualmente no mes de xullo e no que participan bailaríns e estudantes de todo o mundo.
Libro do espectáculo
Coincidindo co peche da xira de Kiosco das almas perdidas, o CCG acaba de publicar o libro do espectáculo, que fai o número 2 da súa colección Bitácora, un proxecto editorial de periodicidade anual que pretende plasmar cada proceso de produción.
Presentado a modo de caderno de dirección, recolle material -eminentemente gráfico- ao través do que se poden seguir os momentos claves do deseño e dos ensaios da peza, así como instantáneas tomadas nas primeiras funcións para o público.
O libro reproduce, entre outras informacións, anotacións de Roberto Oliván, así como partituras manuscritas da composición musical de Mercedes Peón. Tamén inclúe bosquexos de figurinos e fragmentos dos textos interpretados polos bailaríns e bailarinas durante o espectáculo. Preséntanse así mesmo apartados nos que se dá cabida ás achegas dos colaboradores artísticos que participaron na montaxe.