Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

VENRES 23 ÁS 20:30 NO AUDITORIO DO CENTRO

A Orquestra da Escola de Altos Estudos Musicais clausura o curso 2005-2006 cun concerto en Compostela

[22/06/2006] A EAEM celebra o fin de curso cun concerto da súa Orquestra ás 20:30 do venres 23 no auditorio do centro. Dirixidos por Vincent Egea e Corrado Bolsi, os alumnos interpretarán obras de Von Weber, Egea, Haendel e Mozart.

Os alumnos deste centro para a especialización musical que xestiona a Consellería de Cultura e Deporte, a través
do IGAEM, interpretarán un programa que comeza coas obras Marcia para instrumentos de vento, de Carl Maria Von Weber, e Spring Serenate para 13 instrumentos, esta última composta especialmente por Vicent Egea –quen levará a batuta na primeira parte do programa– para a súa estrea en 2002 pola Orquestra da EAEM. Corrado Bolsi, quen actuará xunto aos alumnos como violín concertino, será o encargado de dirixilos na segunda parte, durante a que soarán Música acuática, de Haendel, e Sinfonía nº 25 HV 183, de Mozart.

Último encontro de práctica orquestral

Durante toda a semana, os 41 integrantes da formación prepararon esta última cita do curso no marco do III Encontro de Práctica Orquestral, impartido tamén polos mestres Egea, director titular da Banda Municipal de Pamplona e profesor de Musikene e do Conservatorio Superior de Navarra "Pablo Sarasate", e Bolsi, director do departamento de Cordas do Conservatorio Superior do Liceu de Barcelona e profesor do Conservatorio Real de Bélxica.

Na actualidade, Vicente Egea compaxina a súa faceta como docente coa de compositor e director convidado de diferentes grupos e orquestras. Como compositor, foi recoñecido con numerosos premios (Internacional de Tolosa 1988, Goberno de Navarra 1992, 1998 e 2001, BP Internacional de Leipzig 1995 e Joaquín Turina 1998, entre outros) e as súas obras foron interpretadas en festivais de Europa, Asia, Sudamérica e Norteamérica.

Pola súa banda, Corrado Bolsi –que toca un violín A. Guarneri de 1650– mantén unha intensa actividade concertística, ben como solista, intérprete de cámara, concertino ou concertino-director, interpretando un amplo repertorio, que abrangue dende a música antiga até compositores contemporáneos, e actuando nas principais salas de concertos e festivais de Europa, Xapón e Australia.