[10/07/2008] O Centro Dramático Galego (CDG) preséntase a partir de mañá no XXXI Festival de Teatro Clásico de Almagro con Noite de Reis. Ou o que queirades, espectáculo que a compañía pública repón neste mes de xullo tralo gran éxito de público obtido durante o seu primeiro período de distribución, de setembro de 2007 a xaneiro de 2008.
O equipo artístico e técnico que participara na primeira montaxe desta versión da obra de Shakespeare, realizada e dirixida por Quico Cadaval, volveuse reunir para preparar este regreso aos escenarios, cun total de nove funcións: o pasado día 4 no Teatro Circo de Braga; do 11 ao 13 de xullo en la Casa de los Miradores de Almagro, onde ofrecerá unha versión en español; e do 21 ao 25 de xullo no Salón Teatro de Santiago, espazo no que a obra xa foi representada o pasado ano colgando o cartel de non hai billetes en repetidas ocasións.
As cifras de público confirman o grao de expectación suscitado por Noite de Reis durante a súa pasada xira por diferentes escenarios galegos, cun balance final de 14.984 espectadores. Este éxito quedou reflectido igualmente en galardóns como os Premios María Casares 2007 ao Mellor Espectáculo, Mellor Dirección, Mellor Actor Secundario (Xan Cejudo), Mellor Escenografía (Baltasar Patiño) e Mellor Vestiario (Gilda Bonpresa); co Premio do Público no Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, e co Premio á Mellor Obra Teatral 2007 do semanario Santiago Siete, concedido a partir dunha enquisa realizada entre os seus lectores.
Representación galega
No Festival de Almagro, considerado un dos máis relevante de todos os que se celebran no ámbito do teatro clásico a nivel estatal, o espectáculo do CDG comparte cartel con outras 64 propostas escénicas chegadas de diferentes países, entre elas as presentadas pola Compañía Nacional de Teatro Clásico, Teatro de la Abadía, Théâtre des boufles du Nord (Francia), Kei Jinguji (Xapón), Cheek by Jowl (Reino Unido) ou a compañía do Festival Internacional Chekhov, de Rusia, que ofrece igualmente unha versión de Noite de Reis (Twelfth Night), baixo a dirección de Declan Donnellan. A representación galega complétase coa participación de Quico Cadaval (día13) e Paula Carballeira (día 14) dentro do programa de narracións orais. O encontro, que nesta edición rende tributo á muller nas artes escénicas, celébrase nesta localidade manchega dende o pasado 26 de xuño e até o 20 de xullo, cun total de 165 funcións.
Rebeca Montero, María Bouzas, Xosé Manuel Olveira Pico, Marcos Orsi, Susana Dans, Víctor Mosqueira, Xan Cejudo, Marcos Correa, Borja Fernández, Simone Negrin e os músicos Bernardo Martínez, Suso Alonso e Ramón Orencio conforman o elenco interpretativo desta comedia de ambientación mediterránea, que combina un divertido xogo de enredos, contratempos, malentendidos, enganos e desenganos con apaixonantes historias de amor e desamor.
Prestaron tamén a súa colaboración artística para a posta en escena Baltasar Patiño (escenografía e deseño de iluminación), Gilda Bonpresa (vestiario), Bernardo Martínez (espazo sonoro e dirección musical) e Dolores Centeno (maquillaxe). Como axudante de dirección exerceron Marta Lago e Rebeca Montero.
Comedia sobre as tolemias do amor
Noite de Reis foi unha das primeiras obras de Shakespeare, que se presume foi escrita entre 1599 e finais de 1601. Representouse ao comezo da Restauración, mais non se imprimiu ata a súa inclusión no First Folio en 1623.
Nesta comedia sobre o amor e as tolemias e baballadas que este nos leva a facer, a acción comeza cando Sebastián e Violeta, irmáns xemelgos, naufragan ante a costa de Ilíria. Violeta consegue chegar case sen vida á praia. Ela cre que Sebastián morreu. Vestida de home e facéndose pasar por un paxe novo co nome de Cesario, pasa a servir na corte do duque Orsino que está "poética, apaixonada e desesperadamente namorado" da aflixida Lady Olivia, que o rexeita continuamente. Orsino utiliza a Cesario como confidente e como mensaxeiro para declararlle o seu amor a Olivia, pero Cesario -Violeta, en realidade- comeza a namorarse de Orsino mentres que Olivia, pola súa banda, se namora do mensaxeiro, que é Cesario. Namentres, Malvolio, servidor de Olivia, perseguirá o amor da súa ama e, a causa dunha confusión amañada, crerase correspondido, producíndose unha serie de situacións hilarantes que o levaran case a entolecer. Ao mesmo tempo, Antonio, capitán de barco, conseguiu rescatar do mar a Sebastián. Ambos desembarcan en Ilíria. A presenza de Sebastián na cidade será o comezo do fin do enredo.