[09/07/2008] O Centro Coreográfico Galego (CCG) chega este venres día 11 a Carballo coa súa última produción, Kiosco das almas perdidas, da que ofrecerá unha función de entrada libre a partir das 22.30 horas na praza do Concello. Esta peza, dirixida polo coreógrafo catalán Roberto Oliván e con música en directo de Mercedes Peón, entra así na recta final dunha extensa xira dentro e fóra de Galicia, que pechará este mes coas súas presentacións no Mercat de les Flor de Barcelona (días 19 e 20), dentro da programación do Festival Grec, e na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (día 25).
Con esta montaxe, o Centro Coreográfico Galego -unidade da Consellaría de Cultura e Deporte adscrita á AGADIC (Axencia Galega das Industrias Culturais)- procurou a captación de novos espectadores para a danza, a través da utilización de novas linguaxes escénicas que mesturan distintas disciplinas e que conectan co público máis novo. Kiosco das almas perdidas é froito da residencia de Roberto Oliván durante tres meses en Galicia, e está coproducido por Laboral Escena de Xixón, espazo no que o espectáculo xa foi representado en marzo e ao que volverá o vindeiro día 17 no marco dun show-case organizado polo Instituto Cervantes.
O proceso creativo
Este traballo é unha reflexión sobre a vida e sobre a nosa capacidade de resposta ante ela. No escenario amósanse individuos expulsados, desconectados e abandonados, que buscan unha nova fórmula de supervivenciaKiosco das almas perdidas está inspirado no mítico lugar do Berbés na cidade de Vigo, como metáfora do punto de encontro entre personaxes dispares unidos por un forte carácter que se atopan no abrente do día.
Para levar a cabo este proxecto, Roberto Oliván reuniuse con profesionais de distintas disciplinas, buscando a colaboración entre eles. Este xeito de traballar, aberto e dinámico, enriqueceu ao máximo a proposta, que conta tamén con Mercedes Peón a cargo da música, o Mago Antón na asesoría máxica, Baltasar Patiño na iluminación, Muriel Felix na videocreación, Roberto Magro ‘Tober’ na dramaturxia ou Fiumfoto na videocreación.
De feito, con Kiosco das almas perdidas, o Centro Coreográfico Galego quixo apoiar aos novos creadores e abrir fronteiras, potenciando así o intercambio entre profesionais da danza, ofrecéndolle aos artistas a posibilidade de achegarse a outros xeitos de entender a arte e de enfrontar o proceso creativo.
Sobre o escenario, once bailaríns de distintas nacionalidades dan vida a uns personaxes que viven no límite, espidos de formas e regras. Roberto Oliván propón ao espectador a busca dun lugar no que ser un mesmo, a través dunha montaxe escénica sen artificios na que se mesturan distintas disciplinas para amosarnos a alma espida do ser humano.
O director
Coreógrafo catalán formado no Institut del Teatre de Barcelona e na P.A.R.T.S. (Performing Arts Reseach and Training Studios) de Bruxelas, Roberto Oliván é un dos creadores máis destacados da danza contemporánea. Presenta este traballo despois dunha longa estadía en Bruxelas onde desenvolveu a súa actividade artística como intérprete e creador ao lado de grandes profesionais como Anne Teresa de Keersmaeker, Josse de Pauw, Trisha Brown ou Robert Wilson.
Dende 1996 crea as súas propias coreografías e imparte clases en distintos centros europeos. En 2001 funda a súa compañía Enclave Dance Company. Dende 2004, é tamén o director artístico do Taller Internacional de Danza Contemporánea de Tortosa, que se celebra anualmente no mes de xullo e no que participan bailaríns e estudantes de todo o mundo.
En xira
O CCG iniciou o pasado mes de marzo a distribución de Kiosco das almas perdidas espectáculo co que até o momento visitou oito localidades galegas (A Coruña, Vigo, Pontevedra, Vilagarcía de Arousa, Santiago, Narón, Ferrol e Ourense) e outras sete de fóra de Galicia (Xixón, Cádiz, Reus, Sevilla, Viseu, Ponferrada e Bragança). En total, a montaxe terá ofrecido 28 funcións ao finalizar esta xira de cinco meses de duración.