[04/06/2008] A primeira edición do Festival EMPAPE celébrase en A Coruña do 4 ao 6 de xullo, aínda que as actividades paralelas comezan o martes 1. Esta iniciativa organizada pola compañía Entremans e Artestudio e co que colabora o Centro Coreográfico Galego créase para impulsar o desenvolvemento cultural de A Coruña, co obxectivo de converterse nun punto de encontro e de intercambio entre artistas e espectadores.
A danza deixa os teatros para achegarse ao cidadán, sae á rúa, toma prestados lugares da cidade, xogando coa arquitectura e coa relación creación-espazo, facendo da danza unha arte accesible a todos. A programación terá lugar nas rúas principais de A Coruña e nela participan diversas compañías de ámbito nacional e internacional como La Intrusa de Barcelona, Miguel Azcue de Suecia-Cuba, Ziya Azazi de Turquía-Bélxica ou Neodans e Centro Coreográfico Galego, entre outros. O Centro Coreográfico Galego presentará o 4 de xullo ás 22.30 horas no Paseo das Pontes un fragmento de 30 minutos de ‘Kiosco das almas perdidas’ e o venres 5 de xullo ás 22.00 horas na Fundación Luís Seoane presentará ‘Pequenos espazos imaxinarios’, dez pezas curtas de distintos coreógrafos.
De xeito paralelo ás actuacións prográmanse unha serie de actividades paralelas como un taller de shiatsu e ioga dinámico para bailaríns e outros profesionais das artes do movemento, un taller de ioga e origami para nenos e a creación dunha escultura de escaiola, baseada na idea de fusión entre o movemento da danza e a inmobilidade da escultura, o público poderá visualizar todo o proceso creativo.
O Festival EMPAPE atópase dentro da Rede Internacional de Cidades que Danzan, da que actualmente forman parte 30 cidades europeas e latinoamericanas; cidades que revalorizan e apostan pola arte da danza.