Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

CON DIRECCIÓN DE ETELVINO VÁZQUEZ, 7 ACTORES E ACTRICES DAN NOVA VIDA, 28 ANOS DESPOIS DA SÚA PRIMEIRA REPRESENTACIÓN, A ESTE TEXTO GALARDOADO CO PREMIO ABRENTE

Teatro de Ningures recupera a obra de Vidal Bolaño coa estrea de "Bailadela da morte ditosa" no Salón Teatro

[27/06/2008] O Salón Teatro de Santiago acolle mañá sábado 28 ás 21.00 h e o domingo 29 ás 18.00 h a estrea de Bailadela da morte ditosa, a última produción de Teatro de Ningures na que a compañía de Cangas do Morrazo recupera e reivindica o legado de Roberto Vidal Bolaño. Con dirección de Etelvino Vázquez, un total de sete actores e actrices compoñen o elenco encargado de dar nova a este texto, galardoado co Premio Abrente de Ribadavia en 1980 e levado a escena polo autor nese mesmo ano coa súa compañía daquela, Teatro do Estaribel.

Bailadela da morte ditosa

Bailadela da morte ditosa preséntanos seis encontros coa morte noutros tantos cadros. Estas situacións son as "bailadelas", que son procuradas sempre polos personaxes e por diferentes motivos: adiantar a propia morte para fuxir do sufrimento, achegarse a ela para matar a soidade ou o fracaso, abrazala para alimentar outra vida ou acabar nos seus brazos como remate natural dun camiño xa andado.

Trátase dun dos textos máis interesantes e completos da extensa produción de Vidal Bolaño, que pon xa de manifesto moitas das constantes do seu traballo posterior, como son a riqueza da linguaxe, a forza dramática das imaxes, a complexidade elaborada dos conflitos e dos personaxes ou o tratamento da realidade superando o costumismo. A pesar do título da obra, as "bailadelas" son en realidade un canto á vida (á vida digna, ao amor, á liberdade), e compoñen un texto completamente contemporáneo, galego e universal, de plena vixencia temática e formal.

A montaxe de Teatro de Ningures está interpretada por Fran Paredes, Sonia Rúa, Mónica Camaño, Pepa Barreiro, Santiago Cortegoso, Salvador del Río e Casilda García. A escenografía é de Pablo Giráldez, o vestiario de Carlos Alonso e a música de Anxo Graña.

Referencia no teatro galego

Despois de máis de vinte anos de actividade teatral profesional, Teatro de Ningures (fundada en 1986) reúne unha serie de recursos humanos, técnicos e materiais que fan desta compañía unha das máis estables de Galicia e un punto de encontro imprescindible para os profesionais do sur do país, así como unha referencia no panorama teatral galego.

Ao longo desta traxectoria levou aos escenarios máis de vinte montaxes teatrais, tanto de autores clásicos como contemporáneos, galegos e extranxeiros, así como versións/adaptacións de novelas, coa finalidade de contribuir así ao enriquecemento do teatro galego. As últimas producións que desenvolveu foron Emigrados (2007), Misericordia, de Benito Pérez Galdós (2006); Tartufo, de Molière (2005); Troianas, de Eurípedes (2004); e Círculo, sobre a novela de Suso de Toro (2003).

É tamén a compañía galega na que sistematicamente vén realizando o seu labor artístico un profesional de talla internacional como é o director Etelvino Vázquez, consolidando un equipo de traballo continuo, o que posibilita unha liña artística coherente, profundizando no traballo de grupo como a vía posible para a creación dun estilo artístico recoñecible.

As entradas para asistir as funcións de Bailadela da morte ditosa poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro dende dúas horas antes do comezo de cada representación. Tamén poden adquirirse na billeteira electrónica a través do teléfono 902 43 44 43 ou da web www.caixagalicia.es. O prezo das localidades é de 10 euros para o sábado (cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados) e de 5 euros para o domingo, día do espectador.