[20/06/2008] O Teatro Jofre de Ferrol acolle este domingo día 22 ás 20.30 horas o espectáculo Estigma, resultado do proxecto de dramaturxia residente no Centro Dramático Galego (CDG) DramA3, iniciado no verán de 2007 como exercicio de escritura a tres bandas a cargo dos autores Jacobo Paz, Vanesa Sotelo e Rubén Ruibal, último Premio Nacional de Literatura Dramática.
Con Estigma, o CDG culmina o seu plan de produción propia para a actual temporada 2007-2008 e faino coa aposta por un espectáculo en clave de suspense no que participan creadores e intérpretes novos, pertencentes na súa meirande parte á xeración dos setenta e incorporados ao sistema teatral galego.
Dani Salgado, coordinador do proceso de construción literaria, asume tamén a dirección escénica de Estigma, en tanto que Xabier Deive, Xosé Manuel Esperante, Clara Gayo, Vicente de Souza e María Tasende conforman o elenco actoral. Outros membros do equipo artístico que traballan na montaxe do espectáculo son Joan Galí (deseño de espazo escénico, vestiario e atrezzo), Baltasar Patiño (deseño de iluminación), Dolores Centeno (maquillaxe), Alex Rademakers e Francesc Sitges (audiovisual e espazo sonoro) ou Andreu Raich (axudante de dirección e movemento escénico).
Morte, terra e memoria
Morte, terra e memoria son os elementos que guían esta nova proposta narrada en clave de suspense, un xénero pouco abordado no ámbito do teatro. A obra, que contén imaxes poderosas, traslada un percorrido inquietante e unha visión pouco optimista respecto ao ser humano. Cada un dos dramaturgos escribiu un acto, compartindo historia, espazo e personaxes, de tal forma que o obra contén tres visións diferentes segundo a mirada de cada autor - aínda que coherentes.
A trama sitúase na illa de Estigma, un lugar case deserto no que, trala erupción dun volcán, unha muller acabada de chegar investiga unha masacre, dous irmáns afrontan o destino que levan marcado na pel, a desconfianza aniña no seo dunha parella e do remoto continente chega un descoñecido.
Venda de entradas
As entradas poranse á venda no despacho de billetes do Teatro Jofre o propio domingo 22 de 11.00 a 13.00 e de 18.00 a 20.00 horas. O prezo das localidades é de 9 euros (patio de butacas, plateas e 1º, 2º e 3º andar) e de 6 euros (paraíso).
O CDG prosegue en Ferrol a xira galega con este espectáculo que se prolongará até o mes de xullo e durante a cal será escenificado ademais nas localidades de Vilagarcía de Arousa (Auditorio Municipal, 27 de xuño) e A Coruña (Teatro Colón, 2 e 3 de xullo). A compañía institucional tamén levará a obra á Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (20 de xullo). A devandita xira está cofinanciada pola Fundación Caixa Galicia, en virtude dun convenio asinado co IGAEM por valor de 300.000 euros.