Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

O PROGRAMA DESTE RECITAL, QUE SE CELEBRARÁ MAÑÁ ÁS 20.30 H NO AUDITORIO DO CENTRO, OFRECE OBRAS DE HAYDN, MENDELSSOHN, BEETHOVEN E HINDEMITH

A EAEM ofrece o seu último concerto do curso a cargo dos alumnos de cámara

[17/06/2008] O Auditorio da Escola de Altos Estudos Musicais (EAEM), en Santiago de Compostela, será o escenario mañá, ás 20.30 horas, do derradeiro concerto do curso a cargo dos alumnos deste centro para a especialización musical que xestiona a Consellaría de Cultura e Deporte. Este recital de cámara é de entrada libre até completar o aforo.

Os 17 estudantes que actuarán mañá ensaiaron o concerto no marco das súas clases de práctica camerística xunto aos profesores Natalia Madisson, Grigori Nedobora, Anca Smeu e Esther Viúdez. Con estas interpretacións, xunto coas que ofreceron onte outros dez alumnos baixo a dirección do profesor Alexander Gold, a Escola de Altos Estudos Musicais clausura a súa programación de concertos do curso académico 2007-2008, dentro da que os alumnos tamén se presentaron ante o público como parte da Orquestra da EAEM baixo a dirección de Jordi Mora e de Maximino Zumalave, ademais de protagonizar varios recitais como solistas.

Programa

O concerto de cámara de mañá dará comezo co Cuarteto op. 33 nº 1 de Haydn, que interpretarán os alumnos Laura Balboa e Miguel Álvarez (violíns), Rebeca Araujo (viola) e Iván Siso (violonchelo). A continuación, Javier Guzmán e Cibrán Seixo (violíns), María Fernández (viola) e Carmen Hernández (violonchelo) acometerán as Tres pezas para cuarteto de cordas op. 81 de Mendelssohn.

Na segunda parte, David Díaz e Eduardo Rey (violíns), Teresa Cardoso (viola) e Jokin Garmendia (violonchelo) ofrecerán o Cuarteto op. 18 nº 1 en Fa maior de Beethoven, mentres que Tania Balboa (óboe), Patricia Román (frauta), Daniel Veiga (clarinete), Patricia Pazos (fagot) e Daniel Otero (trompa) pecharán o recital coa peza Kleine Kammermusik, de Hindemith.