[21/06/2006] A EAEM convoca de novo este curso impartido por Antón García Abril. A sétima edición do encontro, que se celebrará en Santiago a partir de novembro, abrangue dous ciclos correspondentes aos cursos 2006-2007 e 2007-2008
O catedrático e compositor Antón García Abril impartirá en Santiago o VII Curso de Composición da EAEM, que mantén aberto o prazo de inscrición até o vindeiro luns, día 26 de xuño. Organizado pola sección de Formación Permanente deste centro que xestiona o [acronym title='Instituto
Galego das Artes Escénicas e Musicais']IGAEM da Consellería de Cultura e Deporte, o encontro dará comezo en novembro e abranguerá dous ciclos correspondentes aos períodos académicos 2006-2007 e 2007-2008.
O Curso de Composición diríxese a estudantes ou músicos interesados en actualizar e ampliar os seus coñecementos neste ámbito musical, obxectivo de acordo co que se desenvolverán aspectos relacionados coa técnica compositiva, a orquestración, a corrección de obras e a análise musical.
Límite de prazas
A EAEM oferta un máximo de 12 prazas de alumnos activos, que serán seleccionados en función do seu currículo, aínda que as persoas interesadas no curso que queden excluídas deste primeiro grupo poderán participar igualmente en calidade de oíntes. O prezo da matrícula é de 350 € por ciclo para os alumnos activos e de 200 € para os oíntes.
Director da cátedra "Manuel de Falla" de Cádiz e profesor de Composición dos cursos de verán "Música en Compostela", Antón García Abril foi tamén catedrático de Composición
e Formas Musicais do Real Conservatorio Superior de Música de Madrid de 1974 a 2003. Durante a súa extensa traxectoria como compositor foi recoñecido con numerosas distincións, entre as que destacan o Premio Nacional de Música 1993, o Premio Fundación Guerrero de Música Española 1993, o Premio da Música 1996, 1998, 2000 e 2002 outorgado pola SGAE e a Asociación de Intérpretes y Ejecutantes, e a Medalla de Ouro ao Mérito das Belas Artes 1998. García Abril é, así mesmo, académico da Real Academia de Bellas Artes de San Fernando.