Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

OS DOUS MÚSICOS INTERPRETAN A VOZ E GUITARRA O CONCERTO 'ALÓ IRMAO'

Fran Pérez 'Narf' e Manecas Costa abren no Salón Teatro o Ciclo Novas Músicas

[11/06/2008] A música actual entra no Salón Teatro de Santiago da man do dúo que integran Fran Pérez, alma mater do grupo Narf, e o africano Manecas Costa, dous grandes guitarristas e cantantes que se unen para presentar o seu novo espectáculo ‘Aló irmão’. Con este concerto iníciase no escenario que xestiona o Centro Dramático Galego (CDG) o Ciclo Novas Músicas, dentro do que tamén actuarán Nordestin@s, o proxecto musical formado por Abe Rábade, Guadi Galego e Ugía Pedreira (venres 20); e Carmen Dor (venres 27). Todas as actuacións darán comezo ás 22.00 horas.

Fran e Manecas

En ‘Aló irmão’, o potente latido africano de Manecas Costa xúntase ao incansable espírito aventureiro do galego Fran Pérez, e da faísca xorde un regueiro de ideas que dá luz a un torrente de sensacións. Trátase dunha manchea de novas cancións compostas en exclusiva para este proxecto coa harmonía dos que queren entenderse, e celebrar con alegría a diferencia.

Intérpretes ambos de músicas do mundo, procuran atopar xuntos o punto equidistante entre dúas personalidades de profunda identidade. Os seus respectivos universos musicais parecen, pois, destinados a entenderse nunha complicidade íntima nacida da mutua admiración, respecto e talento.

Os dous cantantes e as súas dúas guitarras son todo o necesario para dar forma a ‘Aló irmão’, onde se dá cabida á música innovadora para o mundo de hoxe, a que os artistas entenden que "soa cunha soa voz: a da emoción, a que non coñece máis fronteira que a do aire para vibrar; esa voz que fala directamente ao corazón, en galego, en criolo, en portugués, en machopi ou en inglés".

Dúas traxectorias converxentes

Tras máis de vinte anos no mundo da música e formar parte de diversas bandas de rock, Fran Pérez, artista tamén relacionado dende fai moitos anos co mundo da cultural teatral, creaou no ano 2004 o concepto Narf, unha nova identidade para un músico inquedo que investiga o ritmo e a harmonía. Ao longo destes anos fóronse estreitando os vínculos de Fran Pérez con Portugal e, por extensión, con África. A súa aventura africana comeza en Maputo, Mozambique, co espectáculo ‘Bumba’, un proxecto de mestizaxe xunto ao grupo de percusión Timbila Muzimba. A súa escalada internacional non se detén e realiza diferentes xiras internacionais por Brasil, Cabo Verde, Mozambique e Cuba nas que se impregna dos ritmos destas terras.

Pola súa banda, Manecas Costa é xa unha das mellores novas voces africanas. Cantante, compositor e virtuoso guitarrista procedente de Guinea Bissau, a súa música está fortemente ligada ás ricas tradicións da súa terra, pero ao mesmo tempo é innegable a súa absoluta contemporaneidade, consecuencia dunha intelixente apreciación das músicas do mundo e reflexo do seu novo contorno, xa que é en Lisboa onde o artista ten fixada a súa residencia. A súa melódica e virtuosa forma de tocar a guitarra deulle sona como un dos máis destacados músicos de África e a súa proxección internacional veu auspiciada polo Festival Decouverte de Radio France International, creado para promover aos novos talentos de África, o Caribe e o Pacífico. Foi este éxito o que lle permitiu desenvolver unha afortunada carreira tamén como produtor e arranxista.

As entradas para os tres concertos do Ciclo Novas Músicas están xa á venda na billeteira electrónica a través do teléfono 902 43 44 43 ou da web www.caixagalicia.es. Tamén poderán adquirirse no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo de cada actuación. O prezo das localidades é de 10 euros (cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados).