Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

50 PROFESIONAIS DE 11 PAISES SOMÉTENSE ESTA SEMANA ÁS AUDICIÓNS PARA A ESCOLLA DOS 13 BAILARINS DA PEZA, QUE LEVARÁ POR TITULO GISELIÑA

O coreógrafo catalán Cisco Aznar dirixe `Giseliña´, próxima produción do CCG

[03/06/2008] O Centro Coreográfico Galego (CCG) traballa xa na que será a súa produción para a temporada 2008-2009, Giseliña, unha versión libre de Giselle que dirixirá o coreógrafo Cisco Aznar. O proceso de preprodución para a nova montaxe comezou xa o pasado 2 de xuño coas audicións que se desenvolverán durante toda a semana na sede do CCG, na Coruña, e das que sairá a selección dos 13 bailarins e bailarinas que compoñerán o elenco.

Á audición presentáronse 50 profesionais de once países distintos que executaron un fragmento de material propio ou doutro coreógrafo de 5 minutos de duración. A proba consistiu tamén nunha clase de clásico impartida por Luciano Gómez, director do Conservatorio de Danza da Deputación da Coruña e unha clase de danza contemporáneo impartida por Erick Jiménez, asistente de dirección de ‘Kiosco das almas perdidas’. Do total de presentados, 28 pasaron á segunda fase de selección, 7 deles galegos, 9 doutras comunidades do estado e 10 estranxeiros.

Os 50 participarán nun taller impartido polo propio Cisco Aznar, que será a segunda proba desta audición. O xurado que avaliará as probas estará formado por Pilar Peña de Castro, María Casar Díaz, Cisco Aznar, Luis Lara Bui, Laure Dupont e Mª Luisa Salas Labrador.

Cisco Aznar é diplomado de l’Ecole d’Art Dramatique et Chorégraphique de Barcelona, na actualidade é o director artístico da compañía Buissonniére de Lausanne. Despois da súa exitosa experiencia de Coppelia co Ballet de Xenebra, estreado no Théâtre National de Chaillot en Paris, propón a creación dunha das pezas claves do romanticismo, unha lectura contemporánea de Giselle vista dende Galiza.