Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

INTERVEÑEN OS GALEGOS NUT, D2, IVÁN MARCOS, ROBERTO LEAL E OS ITALIANOS DELLE ARIETTE

O Salón Teatro abre o ciclo de performances AcciónST

[03/06/2008] A programación do mes de xuño do Salón Teatro de Santiago ábrese esta semana cun ciclo dedicado ás artes performativas. Baixo o título AcciónST, cinco agrupacións artísticas desenvolverán, desde mañá mércores e até o sábado 7, varias execucións en distintas localizacións do edificio, ademais do escenario, no que a compañía italiana Teatro delle Ariette cociñará e ofrecerá a cea-espectáculo Teatro para comer? durante os catro días do programa.

Imaxe Teatro delle Ariette

O ciclo supón a recepción por segundo ano consecutivo por parte do espazo que xestiona o Centro Dramático Galego (CDG) a este xénero artístico, mediante a exhibición dunha selección de accións, maioritariamente realizadas por creadores galegos (neste caso Nut Teatro, Teatro D2, Iván Marcos e Roberto Leal), como apoio a súa identificación como manifestación escénica de pleno dereito.

Pases para grupos reducidos

AcciónST estrúturase en dous programas diferentes, o primeiro -que se poderá ver mércores e xoves- combina os traballos de Nut, D2 e delle Ariette; en tanto que venres e sábado a obra dos italianos irá precedida das intervencións de Marcos e Leal. Todo o edificio, desde o ambigú á xastrería e desde os cameríns ao balcón exterior, estará á disposición dos artistas e o público poderá escoller o tipo de entrada que lle permitirá acceder a todo ou parte da exhibición. As propostas galegas terán unha duración aproximada de dez minutos e faranse tres pases alternados para non máis de quince persoas até as 22.00 horas, momento no que dará comezo Teatro para comer?.

Nerea Barros, Xiana Carracelas, Iria Sobrado e Arantza Villar, integrantes da compañía Nut Teatro, serán as encargadas de abrir AcciónST mañá mércores 4 e o xoves 5 a partir das 20.30 horas no gardarroupa do Salón Teatro. A performance que interpretarán leva por título Peep show, e conta coa dirección de Carlos Neira. De forma sucesiva, a compañía Teatro D2 desenvolverá no ambigú e no balcón a acción Aquí medran flores?, dirixida por Teresa de la Hera e interpretada por Diego Freire, Manu Lago e Fran Riveiro.

O venres 6 e o sábado 7 a partir das 20.30 horas, Iván Marcos iniciará a intervención titulada Cámara escura no camerín 2 do soto, onde o actor, bailarín e creador galego explorará a natureza deste espazo como lugar de transición para a transformación e o cuestionamento da identidade. Ao tempo, na sastrería comezará De gaivotas e rancheiras, a cargo das actrices Anabell Gago e Olivia Collins. Roberto Leal dirixe esta peza que está inspirada na obra A gaivota, de Antón Chéjov.

Artes escénicas e gastronomía

Teatro delle Ariette desenvolverá no escenario do Salón Teatro catro funcións (de mércores a sábado ás 22.00 horas) do seu espectáculo Teatro para comer? (Teatro da mangiare?). Tres elementos -cultivo, cociña e teatro- xúntanse nesta orixinal proposta que desde a súa estrea no ano 2000 ten realizado máis de 500 representacións en Italia, Alemaña, Francia, Suíza e España. Nesta ocasión, a compañía desprázase para estes únicos pases en Galiza despois do seu paso polo Festival de Teatro de El Ejido.

En Teatro para comer? cómense de verdade os produtos naturais que Paola Berselli. Mauricio Ferraresi e Stefano Pasquín cultivan desde hai case 20 anos nunha facenda agrícola situada a 50 quilómetros de Boloña. Enriba do escenario, un total de 26 espectadores están sentados arredor dunha gran mesa, coma nun restaurante. En torno a eles e durante 120 minutos, os tres integrantes da compañía cociñan, fan de camareiros, falan, actúan, contan a súa singular experiencia de campesiños-actores... e o espazo convértese nun comedor da emoción e da memoria.

O Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro colabora co CDG aportando o viño que se servirá durante a cea-espectáculo.

As localidades para asistir ás funcións de Teatro para comer?, a un prezo único de 22 euros poden adquirirse a través do teléfono 902 43 44 e 43, da web www.caixagalicia.es ou no despacho de billetes do Salón Teatro dende dúas horas antes do comezo dos espectáculos. Esta entrada permite ademais o acceso a outras dúas accións. Tamén existe un bono de 5 euros (para 4 accións) e de 3 euros (2 accións).

Música e teatro

A actividade do Salón Teatro acollerá ademais o Ciclo Novas Músicas que ofrecerá os concertos de tres formacións destacadas do panorama galego actual: Fran Pérez, alias Narf, acompañado do gran guitarrista e cantante africano Manecas Costa (venres 13); Nordestin@s, o proxecto musical formado por Abe Rábade, Guadi Galego e Ugia Pedreira (venres 20); e Carmen Dor (venres 27). As tres actuacións darán comezo ás 22.00 horas.

A oferta escénica prevista inclúe así mesmo a estrea da última produción dos galegos Teatro de Ningures, Bailadela da morte ditosa, (sábado 28 ás 20.30 horas e domingo 29 ás 18.00). O texto orixinal de Roberto Vidal Bolaño con dirección de Etelvino Vázquez amosa seis encontros coa morte procurados sempre polos personaxes e por diferentes motivos: adiantar a propia morte para fuxir do sufrimento, achegarse a ela para matar a soidade ou o fracaso, abrazala para alimentar outra vida ou acabar nos seus brazos como remate natural dun camiño xa andado.

Documentación