[22/05/2008] O Salón Teatro de Santiago de Compostela acolle mañá venres 23, ás 20.30 horas, unha homenaxe ao compositor vigués Enrique X. Macías no cincuenta aniversario do seu nacemento, a cargo da formación portuguesa Sond’Ar-te Electric Ensemble. O repertorio para este recital, de entrada libre até completar o aforo, abrangue tres pezas desta destacada figura da música contemporánea que viu truncada a súa prometedora carreira ao chegarlle a morte aos trinta e sete anos.
O concerto enmárcanse no programa "As nosas músicas, os nosos sons", co que a Consellaría de Cultura e Deporte, a través da Dirección Xeral de Creación e Difusión Cultural, quere dar a coñecer ao gran público o legado musical e creativo dos compositores galegos contemporáneos máis significativos.
Instrumentos acústicos e novas tecnoloxías
A homenaxe a Macías realízase en colaboración coa asociación portuguesa Miso Music, depositaria da obra do compositor. A asociación fundou en xullo de 2007 o grupo Sond'Ar-te Electric Ensemble, unha proposta totalmente innovadora no panorama musical contemporáneo na medida en que combina instrumentos acústicos coas máis recentes tecnoloxías electrónicas. A dirección artística corresponde a Miguel Azguime, en tanto que o mestre titular é o compositor Pedro Amaral. Na súa actuación no Salón Teatro integrarán o ensemble un conxunto de intérpretes de varios países, con frauta, clarinete, violín, violoncello, piano, viola, trompa e vibráfono.
O programa do concerto inclúe tres obras de Enrique X. Macías: "Adhuc" (1993) para ensemble e electrónica; "Cadencias e interludios/Percurso I" (1989-1992) para piano e electrónica e "Itinerario de luz" (1995) para ensemble e electrónica. A actuación complétase coa peza "Derrière son double" (2001) de Miguel Azguime, compositor portugués director do ensemble e amigo persoal de Macías.
Enrique X. Macías
O 18 de maio cumpríronse 50 anos do nacemento de Enrique X. Macías. Foi un músico que combinou unha formación autodidacta coa participación en cursos, laboratorios e gabinetes de electroacústica en Finlandia, España, Holanda, Francia, etc. Foi compositor representante dos estudos de música electrónica da Radio Finlandesa e da Academia de Música de Cracovia (Polonia), así como compositor convidado de varios centros europeos.
Obtivo numerosos premios, entre os que se atopan o Tribuna International Gaudeamus, o Cristobal Halffter de composición e o Panorama de Jóvenes Compositores da Orquestra Nacional de España. A súa obra foi gravada para as máis importantes radios europeas e programada en destacados festivais internacionais, como a Bienal de Venecia, o Festival Antidogma de Turín, a Semana Internacional Gaudeamus de Holanda e o Festival de Música Experimental de Bourges, entre outros.
Do seu repertorio destacan obras como "Morgengesang III" (grande orquestra), "Duplo" (orquestra e electrónica), "Extracto" (cuarteto de cordas), "Nobilisima visione II / Postludios" (piano, orquestra de cámara e electrónica) e "Clamores e alegorías" (grande orquestra). Esta última peza foi un encargo do Festival de Canarias que Macías rematou pouco antes de morrer en novembro de 1995, nun momento de plena madurez creativa do compositor.