Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

TERÁ LUGAR O SÁBADO 24 DE MAIO NO FÓRUM METROPOLITANO DA CORUÑA

O Centro Coreográfico Galego organiza unha xornada formativa para programadores e xestores culturais

[22/05/2008] O Centro Coreográfico Galego (CCG) organiza este sábado 24 de maio no Fórum Metropolitano da Coruña a xornada "Ferramentas para programar a danza", especialmente dirixida a programadores e xestores culturais co obxectivo de ofrecerlles, de xeito creativo e ameno, pautas para acadar un maior coñecemento dos códigos e linguaxes que emprega a danza contemporánea, contribuíndo así a difusión desta arte a públicos diversos.

O encontro desenvolverase ao longo de todo o día e nel intervirán figuras relevantes no mundo da xestión cultural como Toni Jodar, asistente de dirección e coreógrafo da compañía Carles Santos e asistente da compañía Gelabert-Azzopardi; Beatriu Daniel, directora de xestión do centro de creación La Caldera de Barcelona; David Márquez, director adxunto do Festival Internacional de Danza Tensdansa e membro do Consello de Administración do IETM (International Network for Contemporany Performing Arts); Manel Rodríguez, responsable do centro de produción e difusión artística do L’Estruch de Sabadell; e Agustín Lorenzo, coordinador xeral do IMCE (Instituto Municipal A Coruña Espectáculos).

"Ferramentas para programar a danza" enmárcase no programa de formación do CCG, que nesta temporada diversificou a súa oferta mirando aos sectores de xestión e mediación cultural. Neste sentido, a prioridade do encontro deste sábado é facilitar aos programadores instrumentos para que se acheguen ao mundo da danza, introducíndoos na súa linguaxe dende unha perspectiva histórica e artística e proporcionándolles ferramentas de traballo que lles permitan afrontar a xestión de proxectos coreográficos.

Na primeira parte da xornada, Toni Jodar ofrecerá unha aproximación histórica á danza a través dunha acción falada e da proxección de vídeos. A segunda parte dedicarase á presentación de proxectos que son exemplos de boas prácticas no referente á programación da danza, para o que se contará coa intervención de Beatriu Daniel, David Márquez, Manel Rodríguez e Agustín Lorenzo.