Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

GALESCENA.INFO É O PRINCIPAL INSTRUMENTO DE TRABALLO PARA PROGRAMADORES E FORMACIÓNS PARTICIPANTES NAS REDES GALEGAS DE TEATROS E AUDITORIOS, DE SALAS E DE MÚSICA AO VIVO

O IGAEM, finalista dos premios Eganet polo sistema de xestión en liña das súas redes de distribución escénica e musical

[21/05/2008] O Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais é un dos finalistas da quinta edición dos Premios Eganet, que convoca a Asociación de Empresas Galegas Adicadas a Internet e Novas Tecnoloxías, polo sistema de xestión en liña dos seus tres circuítos de distribución escénica: Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA), Rede Galega de Salas (RGS) e Rede Galega de Música ao Vivo (RGMV), promovidos en colaboración cun centenar de espazos públicos e privados de toda Galiza.

A intranet www.galescena.info é o principal instrumento de traballo tanto para o IGAEM e os xestores dos teatros, auditorios e salas, como para as compañías escénicas e grupos musicais en relación cos trámites necesarios para a configuración das programacións das tres redes. A través desta web de acceso restrinxido realízase automaticamente a inscrición dos espectáculos ofertados, o proceso de contratación, a introdución da información relativa ás propostas seleccionadas, a recollida dos datos de asistencia, etc.

Versións para o público

Este sistema de xestión compartida ten as súas versión abertas ao público nos sitios culturavai.info e musicaovivo.info -carteleiras dixitais da RGTA e RGS, e da RGMV, respectivamente- a través dos que os espectadores poden consultar a axenda permanentemente actualizada de espectáculos e concertos, ademais de obter información sobre compañías, grupos e espazos.

Con galescena.info, desenvolvida pola empresa Abertal Networks, o IGAEM opta á categoría á mellor aplicación on-line desta quinta edición dos Premios Eganet que serán entregados mañá no transcurso dunha gala que se celebrará no Hotel Monumento San Francisco, en Santiago de Compostela.

Ligazóns