Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

IMPULSADO POLA CONSELLARÍA DE CULTURA, CONTA CUN ORZAMENTO DE 66 MILLÓNS DE EUROS PARA 17 LIÑAS DE TRABALLO

Bota a andar o Plan Galego das Artes Escénicas como principal instrumento para fortalecer o teatro e a danza do país

[20/05/2008] O Plan Galego das Artes Escénicas (PGAE) comeza a súa andaina como principal instrumento para a potenciación do teatro e a danza do país e o fortalecemento da súa posición social, cultural e económica. Impulsado e liderado pola Consellería de Cultura e Deporte, o documento, que é o primeiro das súas características de todo o Estado español, presenta unha dotación orzamentaria de case 66 millóns de euros, coa que se materializará, ao longo de catro anos de vixencia, un total de 83 accións concretas estruturadas en 17 liñas de traballo para atender a todas as disciplinas artísticas e a todos os ámbitos de manifestación das artes escénicas.

logo

A Conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, presentou hoxe o PGAE -nun acto celebrado no Salón Teatro de Santiago ante unha nutrida representación do sector ao que vai destinado- como un plan de goberno que marcará o inicio dunha reformulación profunda nas estruturas e na tradicional situación de precariedade da escena galega, para dar paso a unha nova política integral entre os distintos poderes públicos, participada por todos os axentes implicados e posuidora dos medios materiais e recursos económicos suficientes para levala a cabo.

De todos e para todos

O Plan Galego das Artes Escénicas é o resultado dun proceso de varios meses de reunións, que se levaron a cabo durante o pasado 2007. En catro mesas de traballo dispostas tematicamente (Sociocomunitaria, Creación, Distribución e Promoción exterior e Industrias Culturais), Cultura congregou a outras cinco consellerías: Educación, Innovación, Traballo, Economía e Vivenda, e á Vicepresidencia da Xunta de Galicia. Tal circunstancia permitiu situar por vez primeira ás artes escénicas como obxectivo dun debate global, aberto tamén aos distintos colectivos que inciden nalgún dos ámbitos nos que se desenvolve a escena do país.

Así, máis de 40 persoas participaron activamente neste proceso con achegas que se foron incorporando aos distintos borradores previos. Entre as colectividades representadas estiveron autores, editores, universidades, entidades locais, medios de comunicación, asociacións sectoriais, programadores, grupos afeccionados, escolas de teatro e danza, produtoras e distribuidoras, expertos ou investigadores. Así mesmo, o público xeral tivo a oportunidade de participar na redacción do PGAE a través de internet.

O resultado é unha guía estratéxica para o desenvolvemento de todas as disciplinas escénicas: teatro de actor, novo circo, maxia, lírica, danza, teatro de monicreques, performances..., un instrumento fundamental onde todas as manifestacións artísticas que se poden dar no escenario teñen a súa referencia.

Acción integrada

O PGAE abórdase desde a perspectiva da consecución dun marco integral para as políticas públicas, tendo en conta a cultura tanto como servizo público, como expresión da nosa identidade e tamén como sector económico estratéxico.

Deste xeito, e a partir de cinco grandes eixes (1. Promover a dimensión sociocultural das artes escénicas; 2. Consolidar os procesos de creación, innovación e formación; 3. Potenciar as industrias vinculadas ás artes escénicas; 4. Consolidar o mercado das artes escénicas; 5. Promover a internacionalización da produción escénica) desenvólvense taxativamente até 83 accións agrupadas en 17 liñas de traballo, que van desde a incidencia nos elementos estruturais da escena até a formulación de modelos concretos de actuación en cada eixe para abordar todos e cada un dos aspectos que inciden na difusión das artes escénicas en Galicia: educación, vertebración territorial e profesional, apoio á creación, innovación artística, formación específica, patrimonio escénico, novas tecnoloxías, mercados, mellora empresarial, coordinación de programacións, consumo cultural, presenza exterior, etc.

Seguimento e avaliación

Para garantir a súa implementación, o PGAE terá unha Comisión de Seguimento que, integrada por representantes de diferentes entidades implicadas na súa elaboración, terá como funcións principais avaliar o grao de cumprimento e o nivel de execución das accións contempladas, analizar os resultados, contribuír ao deseño de novas políticas e elaborar suxestións de mellora cara unha maior eficiencia e eficacia.

O seu labor estenderase ao longo de todo o período de desenvolvemento do Plan (a partir de hoxe a até 2011) e estará baseado nun sistema de indicadores de seguimento.

Formarán parte desta comisión tanto distintos departamentos públicos: a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar; as Consellerías de Cultura, Innovación, Educación, Traballo e Economía; a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP); como do sector: a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), a Asociación de Empresas de Artes Escénicas Escena Galega, a Asociación Galega de Profesionais da Danza, a Asociación de Profesionais de Danza Escénica de Galicia, Federación Galega de Novo Circo, Magos Profesionais de Galicia e Federación Galega de Teatro Afeccionado (FEGATEA).

Documentación