Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

OFRECERÁ CATRO FUNCIÓNS EN COMPOSTELA, DO MÉRCORES 21 AO SÁBADO 24, ÁS 22.00 H.

Diego Anido estrea na Sala Nasa a peza 'Cascuda', en coprodución co CDG

[19/05/2008] A Sala Nasa de Santiago acolle esta semana -do mércores 21 ao sábado 24 de maio, ás 22.00 horas- a estrea de Cascuda, unha peza de creación de personaxes e atmósferas baseada na difusa fronteira que separa a tolemia da cordura, a cargo de Diego Anido en coprodución co Centro Dramático Galego. O creador galego asume tamén a dirección e a interpretación desta montaxe, na que conxuga as linguaxes de teatro de texto, clown e danza contemporánea.

Cascuda

Outros nomes importantes para a materialización desta obra son Alex Serrano, responsable da dramaturxia e posta en escena; Isabel Franco, do deseño de iluminación; Gonzalo Piña, do espazo sonoro; e Silvia Delagneau, da escenografía e do vestiario. Raquel Regueira colaborou na produción e Víctor Molina e Roberto Fratina, no asesoramento artístico.

Cascuda é o resultado dun longo proceso de traballo, investigación e formación de máis dun ano de duración, que se concretou en cinco meses de ensaios regulares na Areatangent de Barcelona e na sala L’Estruch de Sabadell. Asemade, realizáronse dous stages en Compostela cunha duración de 15 días cada un. O primeiro desembocou nun work in progress no Salón Teatro e o segundo, nunha residencia técnica na Sala Nasa.

Para o CDG, esta exhibición work in progress foi unha experiencia pioneira, xa que por vez primeira a compañía pública apostaba por un tipo de residencia onde ofrecía ao creador a posibilidade de traballar cos medios e recursos que lle proporcionaba un espazo escénico como o Salón Teatro.

Símbolo da conduta humana

Os insectos foron empregados ao longo da historia da literatura como referentes á hora de simbolizar todo tipo de condutas humanas. Neste sentido, as cascudas chamaron a atención de Anido por seren un dos animais máis desprezables de todos os que conviven nas cidades. Porén, teñen unhas características de tamaño, resistencia e axilidade que lles permiten descubrir lugares, así como instalarse e observar a vida humana desde os espazos máis segredos e subterráneos dun mundo ao que os humanos nunca poderán acceder. Ademais, cómpre anotar o coñecido dato de que serían, xunto coas ratas, as únicas poboadoras do planeta no caso de producirse unha catástrofe nuclear.

A obra tenta aproximarse aos posibles significados da palabra desprezo que adoitamos asociar á cascuda: desprezar como detestar, pero tamén como sinónimo de infravalorar. Este é o punto de partida conceptual para unha Cascuda como unha pantasma que, procedente de lugares subterráneos, segredos e privados, se manifesta como bufón que se ri da ollada humana: as cascudas como pensamentos que nos habitan e collen a forma do insecto do desprezo. A través dunha coidada composición escénica de carácter xestual e a partir do uso de obxectos cotiáns, Anido móstranos a historia de Eladio, un ser solitario encerrado nos seus pensamentos.

Máis alá da convención escénica

Diego Anido (A Coruña, 1976) é un dos creadores galegos máis relevantes dos últimos anos. O seu discurso artístico rompe coas fronteiras das disciplinas escénicas convencionais para elaborar propostas nas que a danza, o teatro, a performance e a música van da man para consolidar espectáculos totais e de alto nivel.

O seu primeiro contacto coa escena foi no teatro universitario e na compañía Nut Teatro. Formouse na escola Espacio Aberto de Santiago, combinando os seus estudos con cursos de clown, performance, mimo, bufón e danza contemporánea. Traballou como modelo publicitario e performer para outros artistas actuando en diversos espazos e desenvolvendo a súa faceta musical na desaparecida Taxi Driver, ao tempo que mantivo as súas colaboracións coas Ultranoites da Sala Nasa e na Festa do Circo. Reeducouse en anti-ximnasia e entrou en contacto con outras técnicas corporais actuais.

En 2004 estrea en Galiza o seu primeiro espectáculo en solitario, Paperboy. Ese mesmo ano trasládase a Barcelona, dirixindo o seu traballo cara ao movemento, o teatro-danza e o Butoh (unha técnica teatral de danza xaponesa). Entra a formar parte como residente da Plataforma Artísitca Areatangent, onde desenvolve varios proxectos, entre eles, a súa segunda peza en solitario, O alemán (2006), e a triloxía Autopsia (Cía. Sr. Serrano). Na actualidade reside e traballa en Barcelona, onde forma parte da agrupación Sr.Serrano e da compañía Raravis-Andrés Corchero-Rosa Muñoz.

As localidades para as funcións na Sala Nasa poden adquirirse a un prezo de 9 €, 7 € (para estudantes, desempregados e a través da web www.salanasa.com) e 5 € (tripulación da Nasa).

Documentación