[12/05/2008] O Centro Coreográfico Galego está levando a cabo, de xeito paralelo á xira da súa última produción ‘Kiosco das almas perdidas’, unha serie de accións formativas encamiñadas a achegar a danza contemporánea ao público, en concreto as linguaxes escénicas presentes en ‘Kiosco das almas perdidas’.
Este proxecto didáctico estará en Rivadabia co taller ‘Percepción Visual do Movemento’ impartido por: Ana Beatriz Pérez, Natxo Montero, Álvaro Esteban e Lenka Bartunkova, bailaríns da produción do CCG ‘Kiosco das almas perdidas’. A cita será na Praza Maior de Rivadabia o día 22 de xullo ás 21.00 horas cun taller para nenos e o 23 de xullo ás 21.00 horas cun taller para adultos.
Esta actividade pretende explicar ao público como podemos expresar, a través de formas físicas, infinidade de contidos. Exploraremos as posicións que realiza o propio corpo para comunicar e recibir mensaxes, e que son únicas en cada ser humano.
Achegarémonos ao noso corpo, intentando que calquera xesto realizado sexa executado con sensibilidade. Traballaremos a estimulación e composición coreográfica partindo de accións cotiás.