[05/05/2008] O Centro de Creación Dramática Contemporánea do Centro Dramático Galego (CDG) acolle esta semana a cuarta e última parte do curso de escrita teatral Pistas para unha dramaturxia da actualidade II , impartido polo dramaturgo francés Patrick Lerch e baixo a dirección e coordinación de Cándido Pazó. Un total de 15 alumnos participan nesta actividade, que se desenvolverá na biblioteca do Salón Teatro até o venres día 9 de 17.00 a 20.00 h.
O curso completo ten como finalidade que os asistentes poidan crear un texto dramático ao longo dos meses nos que se realiza a actividade, de novembro a maio. Está composto por catro obradoiros dramatúrxicos dunha semana de duración nos que, a partir da identificación e do estudo dos múltiples temas que poden definir a actualidade, rastrexando e experimentando os distintos enfoques, estratexias e camiños dramatúrxicos para abordalos. Todas as obras resultantes deste laboratorio de escrita serán publicadas no marco dunha nova liña editorial que, empregando a fórmula da coedición, primará a función dos libros como material de traballo.
Cándido Pazó, Yolanda Pallín e Jacinto Lucas Pires impartiron os anteriores obradoiros onde os alumnos matriculados traballaron os aspectos relacionados coa escolla dos temas e motivos de teatralización, detección de conflitos e valoración das potencialidades de partida, así como os distintos elementos da teatralidade á hora de abordar o traballo dramatúrxico, construción de personaxes, diálogos e resolucións finais.
Traxectoria profesional
Patrick Lerch (París, 1959) vive e traballa actualmente en Bruxelas. Actor, director e autor, escribiu numerosos textos para o teatro, que son postos en escena habitualmente tanto en Francia como en Bélxica. As súas pezas foron presentadas no festival de Aviñón 95, en teatros de París e Bruxelas, así como en diversos festivais en Francia, Bélxica e Canadá. Escribiu en residencia na Chartreuse de Villeneuve ( L'ange et le cuisinier 96 ) e recibiu varias bolsas de escrita. Os seus textos, entre os que destacan Les Nuages gris dans les yeux bleus de ma mèr , Les Silences de Monsieur Tarwitz , Le Bouffeur ou Le Dire troublé des choses , foron editados polo Grupo Avén, en Bélxica e polas editoriais Lasman e Ed. Théâtrales en Francia.