[19/06/2006] Este novo galardón vén de ser convocado xunto ao XV Premio Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais, dotado con 6.000 euros. O 7 de agosto remata o prazo de recepción de orixinais para ambos certames, que contemplan tamén a publicación das obras gañadoras.
O IGAEM da Consellería de Cultura e Deporte vén de crear un novo galardón teatral, o Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil, a través da convocatoria publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) xunto á do XV Premio Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais.
Este novo galardón, ao que poden optar obras dirixidas especificamente ao público infantil, conta cunha dotación económica de 4.000 euros, ademais de contemplar a publicación da obra gañadora de acordo coa finalidade de difusión cultural que lle compete ao IGAEM. As bases establecen, así mesmo, a edición do texto que resulte galardoado nesta décimo quinta edición do Premio Álvaro Cunqueiro, o de máis longa traxectoria de todos os que se desenvolven no ámbito teatral galego, dotado con 6.000 euros.
O período de admisión de orixinais remata o vindeiro 7 de agosto para ambos premios, aos que poderán optar textos teatrais inéditos, escritos en galego conforme á normativa vixente, non representados e non premiados anteriormente noutros concursos. As obras poderán ser de extensión libre, excluíndo os textos de teatro breve e os de teatro de monicreques.
Viabilidade escénica
Complementariamente á calidade literaria e aos contidos dramáticos que posúan as obras, o xurado valorará positivamente aqueles factores que incidan na súa viabilidade escénica: número de personaxes, espazo escénico, condicións técnicas, etc. A súa decisión farase pública dentro dos tres meses seguintes ao remate do prazo de admisión de textos.
Nos dous casos, os orixinais deberán remitirse á sede do IGAEM en Santiago (Rúa da Vesada, s/n, San Lázaro, 15703) por quintuplicado, en exemplares separados, en tamaño DIN A-4, mecanografados a dobre espazo por unha soa cara, numerados, grampados ou encadernados, entre outras especificacións recollidas nas bases conxuntas.