[25/04/2008] O Centro Dramático Galego (CDG) leva a súa produción Valdemuller ao Teatro Escalante de Valencia, espazo escénico especializado en programación infantil e xuvenil, que ofrecerá durante catro días un total de sete funcións do espectáculo. A compañía institucional galega visita por primeira vez este escenario, referencia no seu xénero para todo o Estado, cunha representación o domingo 27 ás 18.00 horas para público familiar e 3 pases dobres o luns 28, martes 29 e mércores 30 ás 10.00 e ás 11.30 horas, dirixidos a escolares.
Con esta segunda produción da temporada 2007-2008, que actualmente continúa de xira por Galicia, o CDG está a apostar polo teatro de obxectos a través dunha montaxe especialmente pensada para nenos e nenas a partir de oito anos. Baixo a dirección de Pablo Vergne e baseado na novela de Xosé A. Neira Cruz, a historia dá comezo cando a protagonista, Mina, que cumpre quince anos, recibe un agasallo misterioso que desencadea unha investigación a modo de viaxe iniciática sobre ela mesma e a súa familia.
Estilo Vergne
Director arxentino afincado en Madrid, Pablo Vergne caracterízase por un estilo singular que combina tradición e innovación, economía de medios e máxima expresividade, exploración de materiais e reciclaxe de obxectos, na procura de novas linguaxes escénicas e da complicidade co público.
Para Valdemuller, contou cun equipo artístico integrado polas actrices-manipuladoras galegas Alba Grande, Montse Piñón, Raquel Queizás e Manuela Varela, ademais de por María de la Iglesia (espazo escénico e vestiario das actrices), Mari Carmen Pérez Pastor e Gador Enríquez (vestiario dos bonecos), Octavio Mas (iluminación) e María Eugenia Romero Baaamonde (axudante de dirección). Ricardo Vergne, Gustavo Brito, Javier Gallego e Bernardo Rodríguez foron os encargados de realizar os 17 bonecos de case 60 centímetros de altura, construídos en látex, goma espuma e poliuretano sobre unha estrutura interna de madeira, PVC e aluminio.