Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

O ESPECTÁCULO DESPÍDESE DE COMPOSTELA CON DÚAS REPRESENTACIÓNS O SÁBADO E O DOMINGO, ÁS 18.00 H

Últimas funcións da montaxe do CDG "Valdemuller" no Salón Teatro

[18/04/2008] Arredor de 2.000 espectadores asistiron até o momento ás representacións no Salón Teatro do espectáculo do Centro Dramático Galego Valdemuller, dirixido por Pablo Vergne segundo a creación colectiva realizada a partir da novela de Xosé A. Neira Cruz, que se despide deste escenario con dúas últimas funcións o sábado 19 e o domingo 20, ás 18.00 h. Tralo período de exhibición en Compostela, onde terá ofrecido un total de 20 pases, o CDG continuará a xira galega desta montaxe de teatro de obxectos, que presentará tamén no Teatro Escalante de Valencia e no Festival Fazer a Festa de Porto.

Valdemuller

As entradas para asistir ás últimas representacións no Salón Teatro deste espectáculo, dirixido especialmente ao público infantil e xuvenil, poden adquirirse no despacho de billetes dende dúas horas antes do comezo da función. Tamén están dispoñibles na billeteira electrónica a través do teléfono 902 43 44 43 ou da web www.caixagalicia.es. O prezo das localidades é de 10 euros o sábado (cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados) e de 5 euros o domingo, día do espectador.

Xogo de rol

Así mesmo, esta fin de semana celebraranse as dúas últimas sesións do xogo de rol O misterio de Valdemuller, no que poden participar nenos e nenas a partir de 8 anos de idade mediante a súa inscrición ao mercar a entrada para o espectáculo. Este xogo, que dá comezo ás 16.45 h, parte da idea de que, aínda que se sabe que existe, ninguén estivo nunca en Valdemuller, ninguén coñece as súas rúas e a súa veciñanza, ninguén sabe como son as súas casas, o seu cheiro ou a súa cor. Trátase de descubrir este misterio.

Divididos en grupos, os xogadores teñen que seguir os sinais e rastrexar polo chan e paredes das rúas e do propio teatro, na pescuda de Valdemuller. As pistas xirarán tanto arredor da lectura –a través da resolución de criptogramas-, como de probas de equipo (algunhas relacionadas con elementos escénicos: maquillaxe, canto, descubrimento corporal...). O xogo remata no patio de butacas, coa posta en escena da propia obra.

A semana que vén a produción do CDG continuará a súa xira galega con dúas funcións para institutos no Barco de Valdeorras (Teatro Lauro Olmo, días 22 e 23), tralas que viaxará até o Teatro Escalante de Valencia, especializado en teatro infantil e xuvenil, onde será representada o día 26 ante público familiar e os días 28, 29 e 30 (con dúas funcións diarias) ante escolares.

Ademais, o 4 de maio Valdemuller exhibirase no Teatro Arte Imagen da cidade portuguesa de Porto dentro da programación do Festival Fazer a Festa, para retomar despois a xira galega en Vilagarcía de Arousa, Ribadeo, Vigo e Ferrol.