Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

XUNTO COAS REPRESENTACIÓNS DO SÁBADO E DOMINGO, ÁS 18.00 h, O CDG ORGANIZA DÚAS NOVAS SESIÓNS DO XOGO DE ROL E UNHA INTERVENCIÓN PROMOCIONAL DE PISTACATRO EN ÁREA CENTRAL

Continúan as funcións e actividades complementarias de "Valdemuller" en Santiago

[11/04/2008] O Centro Dramático Galego ofrece esta fin de semana -sábado e domingo, ás 18.00 horas- dúas novas funcións para público familiar da produción Valdemuller, que chega así ao ecuador do seu período de exhibición no Salón Teatro de Santiago. Asemade, ambos días ás 16.45 horas celebrarase novamente o xogo de rol O misterio de Valdemuller, no que poderán participar nenos e nenas, a partir dos 8 anos de idade, mediante a súa inscrición ao mercar a entrada ao espectáculo.

Valdemuller

Baixo o lema "O Salón Teatro xoga", esta iniciativa pretende implicar aos rapaces nas artes escénicas dun xeito novidoso e divertido. O xogo parte da idea de que, aínda que se sabe que existe, ninguén estivo nunca en Valdemuller, ninguén coñece as súas rúas e a súa veciñanza, ninguén sabe como son as súas casas, o seu cheiro ou a súa cor. Trátase de descubrir este misterio.

Divididos en grupos, os xogadores terán que seguir os sinais e rastrexar polo chan e paredes das rúas e do propio teatro, na pescuda deste recóndito lugar. As pistas xirarán tanto arredor da lectura -diante a resolución de criptogramas-, como de probas de equipo (algunhas relacionadas con elementos escénicos: maquillaxe, canto, descubrimento corporal...). O misterio de Valdemuller remata no patio de butacas, coa posta en escena da propia obra.

Doutra banda, o CDG organiza mañá sábado 11 no Centro Comercial Área Central unha pequena función móbil como actividade complementaria a estas funcións. Esta pequena representación, a cargo da compañía galega de novo circo Pistacatro, busca sorprender coa maxia das artes escénicas aos viandantes, demostrando que a escena é algo cercano, divertido e sorprendente, que forma parte da vida cotiá. Serán, en total, tres pases -ás 18.00, ás 19.00 e ás 20.00 horas- de aproximadamente vinte minutos de duración.

Teatro de obxectos

Valdemuller é o resultado do traballo de teatro de obxectos que dirixiu o arxentino Pablo Vergne, segundo unha creación colectiva realizada a partir da novela de Xosé A. Neira Cruz. Especialmente pensada para público infantil e xuvenil, a montaxe narra a viaxe iniciática dunha nena de quince anos que tentará descubrir os segredos da súa familia. As actrices galegas Alba Grande, Manuela Varela, Montse Piñón e Raquel Queizás son as encargadas de dar vida aos 17 bonecos da obra.

As entradas para asistir ás representacións de Valdemuller póñense á venda no despacho de billetes do Salón Teatro dende dúas horas antes do inicio de cada función. Tamén poden adquirirse na billeteira electrónica a través do teléfono 902 43 44 43 ou da web www.caixagalicia.es. O prezo das localidades é de 10 euros o sábado (cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados) e de 5 euros o domingo, día do espectador.