[09/04/2008] A Rede Galega de Música ao Vivo (RGMV) conta con dúas novas canles para a difusión da súa actividade a través da revista Ao Vivo Música e da web www.musicaovivo.info, que en ambos casos ofrecen información sobre a axenda de concertos e sobre os grupos que configuran a programación deste circuíto de distribución musical promovido polo IGAEM e Clubtura.
Un total de 81 grupos e solistas -75 deles galegos- de diferentes estilos musicais actuarán en 2008 no marco da Rede Galega de Música ao Vivo, que chega ao seu segundo ano de funcionamento cun total de 576 concertos previstos en 47 locais de toda Galiza. A partir de 2008, ademais, esta programación leva o nome de Carlos Humberto Díaz Pérez, en recoñecemento e memoria dun dos seus principais impulsores.
Publicación semestral
Co dobre obxectivo de ampliar a difusión deste circuíto e de promover tanto os artistas e bandas participantes como a música galega en xeral, o IGAEM acaba de crear a cabeceira Ao Vivo Música, unha nova revista de periodicidade semestral que se distribúe de xeito gratuíto nas salas da RGMV.
A formación viguesa The Blows e o seu disco Upskirts ocupan a portada do primeiro número desta publicación, dando paso a máis de 30 páxinas nas que aparecen, entre outros contidos, reportaxes e entrevistas sobre a colaboración musical entre Xosé Manuel Budiño e Xoel López (Deluxe), os grupos galegos de metal rock, o funk de Cornelius ou a internacionalización da música galega.
Nesta primeira entrega, ademais, Ao Vivo Música ofrece unha serie de seccións que manterán a súa continuidade en vindeiros números: Opinión, Tesouros soterrados, A máquina do tempo, A sala e Taboleiro, entre outras.
www.musicaovivo.info
Así mesmo, a Rede Galega de Música ao Vivo conta dende este mes de abril cun novo sitio en Internet, www.musicaovivo.info, que recolle o calendario anual de concertos xunto con información detallada sobre as bandas e as salas. Conta tamén cun apartado de documentación dende o que se pode acceder ás imaxes dos grupos, consultar a normativa de funcionamento da Rede, así como descargar a versión electrónica de Ao vivo música, entre outro material.
Do mesmo xeito que en culturavai.info -carteleira electrónica da Rede Galega de Teatros e Auditorios e da Rede Galega de Salas-, a web musicaovivo.info ofrece aos usuarios a posibilidade de se subscribir para recibir directamente a axenda de concertos, ademais de para valorar os grupos programados a través dunha votación que quedará plasmada na web nunha escala de 1 a 5 estrelas.