Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

PISTACATRO PROTAGONIZA ESTA FUNCIÓN MÓBIL HOXE VENRES ÁS 18.00, 19.00 E 20.00 HORAS

O CDG ofrece un pequeno espectáculo promocional de 'Valdemuller' no centro comercial Área Central de Compostela

[04/04/2008] O Centro Dramático Galego organiza hoxe venres no Centro Comercial Área Central de Santiago unha pequena función móbil como actividade complementaria ás funcións para público familiar da súa produción Valdemuller, que terán lugar o sábado e domingo no Salón Teatro ás 18.00 horas. Esta pequena representación, a cargo da compañía galega de novo circo Pistacatro, busca sorprender coa maxia das artes escénicas aos viandantes, demostrando que a escena é algo próximo, divertido e sorprendente que forma parte da vida cotiá. En total, desenvolveranse tres pases, ás 18.00, ás 19.00 e ás 20.00 horas, de aproximadamente vinte minutos de duración.

Valdemuller

Asemade, o sábado e o domingo ás 16.45 horas celebrarase novamente o xogo de rol O misterio de Valdemuller, no que poderán participar nenos e nenas a partir de 8 anos mediante a súa inscrición ao mercar a entrada ao espectáculo.

Pistas para resolver o misterio

O xogo parte da idea de que, aínda que se sabe que existe, ninguén estivo nunca en Valdemuller, ninguén coñece as súas rúas e a súa veciñanza, ninguén sabe como son as súas casas, o seu cheiro ou a súa cor. Trátase de descubrir este misterio. Divididos en grupos, os xogadores terán que seguir os sinais e rastrexar polo chan e paredes das rúas e do propio teatro, na pescuda de Valdemuller. As pistas xirarán tanto arredor da lectura -diante a resolución de criptogramas-, como de probas de equipo (algunhas relacionadas con elementos escénicos: maquillaxe, canto, descubrimento corporal...). O xogo remata no patio de butacas, coa posta en escena da propia obra, que dará comezo ás 18.00 horas.

As entradas para asistir as representacións de Valdemuller poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro dende dúas horas antes do inicio de cada función. Tamén poden adquirirse xa na billeteira electrónica a través do teléfono 902 43 44 43 ou da web www.caixagalicia.es. O prezo das localidades é de 10 euros o sábado (cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados) e de 5 euros o domingo, día do espectador.