Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

A ACTUACIÓN -O SÁBADO 5, ÁS 21.00 E O DOMINGO 6, ÁS 20.00 H.- INSÍRESE NO PROGRAMA DO CURSO DE MEDIACIÓN CULTURAL QUE ORGANIZA O CCG EN COLABORACIÓN CO CDG

Olga Mesa presenta 'Solo a ciegas' no programa do Salón Teatro na Sala Nasa

[04/04/2008] A coreógrafa e artista visual Olga Mesa presenta en Santiago o seu novo espectáculo Solo a ciegas. Con lágrimas azules, un universo de experimentación cheo de evocacións, presenzas limítrofes e memorias, que se poderá ver mañá sábado día 5 ás 21.00 horas e o domingo 6 ás 20.00 horas dentro da programación que o Salón Teatro desenvolve na Sala Nasa e como parte do curso ‘As novas relacións cos públicos’ que organizan Centro Coreográfico Galego (CCG) e Centro Dramático Galego.

Olga Mesa

A creadora asturiana, que normalmente fai desaparecer ‘a cuarta parede’ no seu diálogo permanente co público, convida aos espectadores a se mergullar nun novo espazo de escoita e percepción do corpo. A cámara en escena, un elemento concorrente nas súas creacións, é utilizado nesta peza co desexo de levar a cabo unha experimentación máis intuitiva, máis inmediata. Neste diálogo espacial entre o corpo e a cámara, a intérprete ten a posibilidade de buscar na súa memoria, nos seus soños, de convocar a súa propia biografía, de interpelar a súa experiencia vivida. O texto aparece como unha voz en off, ofrecendo e creando espazos temporais paralelos á presenza do corpo e á súa imaxinación, e ás posibles memorias (non) visibles que esta propaga. O corpo vaise situando baixo o prisma da evocación: intres de movementos vividos, ás veces esquecidos, outros recuperados inesperadamente.

Olga Mesa quere con este traballo que o seu corpo sexa un instrumento de transmisión in-memoriam doutros corpos abandonados e esquecidos, doutras olladas ausentes e desaparecidas, doutras posibles olladas comúns futuras. Noutros termos, deixar emerxer unha ollada persoal, próxima e sincera sobre si mesma, que se comparte da mesma maneira co espectador. Non se trata soamente dunha intimidade subxectiva, senón por encima de todo dunha interpretación máis auténtica que inclúe ao outro, o mundo no cal podemos recoñecernos como individuos, e encontrarnos.

Curso de mediación cultural

As funcións insírese no programa do curso de mediación cultural "As novas relacións cos públicos", que se celebra desde hoxe venres e até o domingo 6 en horario de 10.30 a 14.00 e de 15.30 a 19.30 horas no Salón Teatro. Organizado polo Centro Coreográfico Galego (CCG) en colaboración co Centro de Creación Dramática Contemporánea (CDC) do Centro Dramático Galego (CDG), está a ser impartido por Medhi Idir (director de programación do Parc de La Villette) e pola propia Olga Mesa.

O curso parte da experiencia realizada no Parc de La Villette para establecer novas relacións cos públicos. Este centro cultural parisino é toda unha referencia internacional desde que no ano 2002 creou un ‘Taller do espectador’, que acolle regularmente a persoas en contacto con públicos (profesores, formadores de grupos sociais, profesionais de estruturas culturais…) que queren comprender mellor o espectáculo, para poder transmitilo dun xeito idóneo. Olga Mesa, pola súa parte, está a explicar os códigos de acceso ás disciplinas e ás estéticas do espectáculo contemporáneo, axudando aos participantes a desenvolver as súas capacidades de transmisión da curiosidade e o interese polas propostas culturais.

Alumna do Cunningham Studio

Olga Mesa estudou danza, música e teatro en España, Francia e no Merce Cunningham Studio de Nova York. A súa traxectoria como creadora, e incluso referente da danza dunha época, comeza a finais dos 80 cando xunto a Blanca Calvo e La Ribot, funda a compañía Bocanada Danza, e dez anos máis tarde, a Asociación La Inesperada. En 1994 estreou en Madrid o seu primeiro espectáculo, Lugares intermedios. O seu interese polo vídeo, as artes visuais e a colaboración interdisciplinar manifestouse xa nas producións da primeira época, das que cómpre destacar o aclamado estO NO eS Mi CuerpO (1995), un "só acompañado", que marca un punto álxido na súa produción dos anos noventa. Ao final desta década, os seus intereses derivaron cara unha preocupación pola ollada e a observación, marcada pola cinefilia, que encontraron nos espazos brancos o seu lugar de desenvolvemento. A esta nova fase corresponden as súas producións Daisy Planet (2000), Más público, más privado (2001) e Suite au dernier mot (au fond tout est surface) (2003). Dende 2005 dirixe a asociación Hors Champ (Fuera de campo) e até finais de 2006 foi a artista residente do Théâtre Pôle Sud en Estrasburgo.