Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

GUILLERMO HERAS EXPLICOU EN COMPOSTELA AS LIÑAS DE APOIO Á ESCRITURA DRAMÁTICA E COREOGRÁFICA, CIRCULACIÓN E COPRODUCIÓN DE ESPECTÁCULOS, E FORMACIÓN

Unha trintena de profesionais do sector escénico galego asistiu á presentación do fondo Iberescena

[31/03/2008] Unha trintena de profesionais do sector escénico galego, en representación de diferentes asociacións, festivais, compañías e empresas de teatro e danza, asistiu á presentación en Compostela da convocatoria 2009 do programa Iberescena, un fondo de axuda económica que actualmente está en fase de recepción de solicitudes.

Guilermo Heras

A sesión informativa, celebrada no Club Internacional de Prensa, correu a cargo de Guillermo Heras Toledo, dramaturgo, director escénico e xestor cultural, quen viaxou até Santiago en calidade de coordinador da Unidade Técnica do devandito programa, do que se poden beneficiar centros públicos, festivais, espazos, compañías, produtoras, asociacións e profesionais galegos do teatro e a danza.

O Fondo Iberoamericano de Axuda Iberescena foi creado en 2006 e actualmente está ratificado por oito estados: Argentina, Colombia, Chile, España, México, Perú, República Dominicana e Venezuela. O seu ámbito de actuación, que ten por obxectivo a creación dun espazo de integración das artes escénicas, concrétase en cinco liñas de actuación: apoio a redes, festivais e espazos escénicos para a circulación de espectáculos; coprodución de espectáculos de teatro e danza entre empresas, grupos e compañías públicas e privadas dos países membros; apoio á autoría escénica iberoamericana (dramatúrxica e coreográfica); formación, con especial énfase na produción e xestión das artes escénicas; e difusión a través do portal dixital de www.iberescena.org.

Os profesionais interesados teñen de prazo até o vindeiro 18 de xullo para presentar as súas solicitudes nas catro convocatorias abertas: escritura dramática e coreográfica, formación, circulación de espectáculos, e realización de coproducións en teatro e danza.

Ligazóns