[28/03/2008] Os espectáculos do Centro Dramático Galego Noite de Reis. Ou o que queirades e A piragua foron recoñecidos cun total de nove galardóns na gala dos XII Premios de Teatro María Casares, celebrada onte no Teatro Rosalía de Castro da Coruña.
Noite de Reis. Ou o que queirades, versión da obra de Shakespeare a cargo de Quico Cadaval, conseguiu cinco dos nove galardóns aos que optaba, entre eles o de Mellor Espectáculo. Logrou, así mesmo, o de Mellor Dirección para Quico Cadaval, Mellor Actor Secundario para Xan Cejudo, Mellor Escenografía para Baltasar Patiño, e Mellor Vestiario para Gilda Bonpresa.
Pola súa banda, Cándido Pazó recibiu o premio ao Mellor Texto Orixinal por A piragua, obra resultante da primeira experiencia de autoría residente do CDG, que acadou tamén outros tres galardóns: Mellor Actriz Protagonista para Susana Dans, Mellor Música Orixinal para Manuel Riveiro Hermo e Mellor Iluminación para Afonso Castro.
O CDG, a través da súa directora, Cristina Domínguez, quere expresar o seu agradecemento a todos os profesionais da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) que apostaron polo traballo desenvolvido pola compañía institucional neste último ano, así como ao público que refrendou coa súa presenza o éxito destas dúas producións.
Convocados pola AAAG, os Premios María Casares 2008 recoñeceron, ademais, o labor de Rubén García á fronte da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia e da meirande parte das edicións da Feira Galega das Artes Escénicas co Premio de Honra.