Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

A PEZA QUE DIRIXE ROBERTO OLIVÁN, CON MÚSICA EN DIRECTO DE MERCEDES PEÓN, REPRESÉNTASE NO AUDITORIO DE GALICIA O SÁBADO 29 E O DOMINGO 30, ÁS 21.00 H

O CCG chega a Santiago coa súa nova produción, 'Kiosco das almas perdidas'

[27/03/2008] Despois da súa estadía en Laboral Escena de Xixón, a última produción do Centro Coreográfico Galego (CCG), Kiosco das almas perdidas, chega ao Auditorio de Galicia. Esta peza, dirixida polo coreógrafo catalán Roberto Oliván e con música en directo de Mercedes Peón, permanecerá no espazo compostelán o sábado 29 e o domingo 30 ás 21.00 horas, dentro do ciclo SCQ Danza que organiza a Concellaría de Cultura de Santiago.

Kiosco das almas perdidas

Despois continuará a súa xira por toda a xeografía galega e por recintos das artes escénicas tan relevantes coma o Teatro Central de Sevilla ou o Mercat de les Flors de Barcelona, este último dentro da programación do Festival Grec.

Con esta montaxe, o Centro Coreográfico Galego busca a captación de novos espectadores para a danza, a través de novas linguaxes escénicas, que mesturan distintas disciplinas e que conectan co público máis novo. Kiosco das almas perdidas é froito da residencia de Roberto Oliván durante tres meses en Galiza, e está coproducido por Laboral Escena de Xixón.

O proceso creativo

Este traballo é unha reflexión sobre a vida e sobre a nosa capacidade de resposta ante ela. No escenario amósanse individuos expulsados, desconectados e abandonados, que buscan unha nova fórmula de supervivencia. Kiosco das almas perdidas está inspirado no mítico lugar do Berbés na cidade de Vigo, como metáfora do punto de encontro entre personaxes dispares unidos por un forte carácter que se atopan no abrente do día.

Para levar a cabo este proxecto, Roberto Oliván reuniuse con profesionais de distintas disciplinas, buscando a colaboración entre eles. Este xeito de traballar, aberto e dinámico, enriqueceu ao máximo a proposta inicial mediante a incorporación de profesionais como Mercedes Peón a cargo da música, o Mago Antón na asesoría máxica, Baltasar Patiño na iluminación, Muriel Félix na videocreación, Roberto Magro ‘Tober’ na dramaturxia ou Fiumfoto na videocreación.

Sobre o escenario once bailaríns de distintas nacionalidades dan vida a uns personaxes que viven no límite, espidos de formas e regras. Roberto Oliván convida ao espectador á busca dun lugar no que ser un mesmo, a través dunha proposta escénica sen artificios na que se mesturan distintas disciplinas para amosarnos a alma espida do ser humano.

O director

Coreógrafo catalán formado no Institut del Teatre de Barcelona e na P.A.R.T.S. (Performing Arts Reseach and Training Studios) de Bruxelas, Roberto Oliván é un dos creadores máis destacados da danza contemporánea. Presenta este traballo despois dunha longa estadía en Bruxelas onde desenvolveu a súa actividade artística como intérprete e creador ao lado de grandes profesionais como Anne Teresa de Keersmaeker, Josse de Pauw, Trisha Brown ou Robert Wilson.

Dende 1996 crea as súas propias coreografías e imparte clases en distintos centros europeos. En 2001 funda a súa compañía Enclave Dance Company. É tamén o director artístico do Taller Internacional de Danza Contemporánea de Tortosa dende o 2004. Este taller celébrase anualmente no mes de xullo e nel participan bailaríns e estudantes de todo o mundo.

Con Kiosco das almas perdidas, o Centro Coreográfico Galego pretende apoiar aos novos creadores e abrir fronteiras, potenciando así o intercambio entre profesionais da danza, ofrecéndolle aos artistas a posibilidade de achegarse a outros xeitos de entender a arte e de enfrontar o proceso creativo.

Documentación