Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

AS REPRESENTACIÓNS DAS FINS DE SEMANA IRÁN PRECEDIDAS DUN XOGO DE ROL DE BUSCA E MISTERIO PARA NENOS E NENAS A PARTIR DE 8 ANOS

O CDG ofrece 20 funcións de 'Valdemuller' no Salón Teatro de Santiago

[25/03/2008] O Salón Teatro de Santiago acollerá dende mañá e até o vindeiro 20 de abril un total de 20 funcións do novo espectáculo do Centro Dramático Galego (CDG), Valdemuller, dirixido polo arxentino Pablo Vergne segundo a creación colectiva realizada a partir da novela de Xosé A. Neira Cruz. Con esta segunda produción da temporada 2007-2008, o CDG aposta polo teatro de obxectos a través dunha montaxe especialmente pensada para o público infantil e xuvenil (nenos e nenas, a partir dos oito anos).

Valdemuller

A carteleira do Salón Teatro ofrecerá cinco funcións semanais do espectáculo: os mércores, xoves e venres celebraranse as representacións concertadas con centros de ensino ás 11.00 horas, mentres que os sábados e domingos terán lugar as familiares ás 18.00 horas. Ademais, e co obxectivo de apoiar esta programación e de fomentar o achegamento dos rapaces ao teatro dun xeito divertido e novedoso, o CDG organizará un xogo de rol que, baixo o título O misterio de Valdemuller, se desenvolverá antes do comezo das representacións das fins de semana.

Valdemuller chega a Compostela no marco dunha extensa xira durante a que se ofrecerá un total de 55 funcións en diferentes localidades galegas (ademais de Santiago, en Ourense, Narón, Pontevedra, Vigo, Carballo, O Barco de Valdeorras, Vilagarcía de Arousa, Ribadeo e Ferrol) e en dous destacados espazos fóra de Galiza: Centro Teatral Escalante de Valencia, que se caracteriza pola súa especialización no teatro infantil e xuvenil, e no Festival Internacional de Teatro Fazer a Festa da cidade portuguesa de Porto.

Estilo Vergne

Director arxentino afincado en Madrid, Vergne caracterízase por un estilo singular que combina tradición e innovación, economía de medios e máxima expresividade, exploración de materiais e reciclaxe de obxectos, na procura de novas linguaxes escénicas e da complicidade co público.

Para Valdemuller, contou cun equipo artístico integrado polas actrices-manipuladoras galegas Alba Grande, Montse Piñón, Raquel Queizás e Manuela Varela, ademais de por María de la Iglesia (espazo escénico e vestiario das actrices), Mari Carmen Pérez Pastor e Gador Enríquez (vestiario dos bonecos), Octavio Mas (iluminación) e María Eugenia Romero Baaamonde (axudante de dirección). Ricardo Vergne, Gustavo Brito, Javier Gallego e Bernardo Rodríguez foron os encargados de realizar os 17 bonecos de case 60 centímetros de altura, construídos en látex, goma espuma e poliuretano sobre unha estrutura interna de madeira, PVC e aluminio.

Sinopse

A historia de Valdemuller dá comezo cando a familia de Mina, que cumpre quince anos, prepara unha festa de aniversario con posta de longo incluída, que non é do gusto da rapaza. A sorte fai que algúns dos tópicos da festa sufran certos cambios involuntarios, como o acontecido co elegante traxe que lle tiñan preparado. Un agasallo misterioso desencadea unha investigación: Mina recibe un colgante en forma de estrela de sete puntas ante o cal toda a familia experimenta un certo nerviosismo. A rapaza, pouco e pouco e coa axuda da súa tía Olga, vai descubrindo os segredos que agocha o galano e as historias que oculta a súa familia.

A partir da entrega do obxecto máxico comeza para Mina a verdadeira busca da súa identidade. Emprende unha viaxe cara a Valdemuller chea de aventuras e perigos e, ao tempo que descobre o que significa ser unha "filla da lúa", experimenta un proceso de autocoñecemento e maduración que a axudará a continuar a súa vida dende outra perspectiva.

Xogo de rol de busca e misterio

Esta viaxe será tamén o fío condutor do xogo de rol de busca e misterio que o equipo do CDG organizará nas fins de semana mentres o espectáculo permaneza en Compostela: sábados 29 de marzo, 5, 12 e 19 de abril e domingos 30 de marzo, 6, 13 e 20 de abril. Con aproximadamente 60 minutos de duración e dirixido a xogadores a partir de oito anos de idade, O misterio de Valdemuller dará comezo ás 16.45 horas no Salón Teatro.

O xogo parte da idea de que aínda que se sabe que existe, ninguén estivo nunca en Valdemuller, ninguén coñece as súas rúas e a súa veciñanza, ninguén sabe como son as súas casas, o seu cheiro ou a súa cor. Trátase de descubrir este misterio. Divididos en grupos, os rapaces terán que seguir os sinais que deberán rastrexar polo chan e paredes das rúas e do propio teatro, na pescuda de Valdemuller. As pistas sobre as que traballarán xirarán tanto arredor da lectura mediante a resolución de criptogramas, como de probas de equipo (algunhas relacionadas coas ferramentas das artes escénicas: maquillaxe, canto, descubrimento corporal...). Esta misteriosa viaxe rematará no patio de butacas, coa posta en escena da propia obra.

As entradas para asistir ás funcións de Valdemuller poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro dende dúas horas antes do inicio do espectáculo. Tamén poden adquirirse xa na billeteira electrónica a través do teléfono 902 43 44 43 ou da web www.caixagalicia.es. O prezo das localidades é de 10 euros o sábado (cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados) e de 5 euros o domingo, día do espectador.

Documentación