[18/03/2008] Kiosco das almas perdidas, a nova produción do Centro Coreográfico Galego (CCG), continúa a súa xira coas dúas funcións que ofrecerá os días 20 e 21 de marzo, ás 20.30 horas, no Laboral Escena de Xixón, espazo que coproduce a peza. Dirixida polo coreógrafo catalán Roberto Oliván e con música en directo de Mercedes Peón, a montaxe exhibirase até o mes de xullo en diferentes localidades galegas, así como noutros relevantes escenarios fóra de Galiza, como o Teatro Central de Sevilla ou o Mercat de les Flors de Barcelona, no marco do Festival Grec.
Con esta creación -estreada o pasado 29 de febreiro na Coruña e que xa visitou Vigo, Pontevedra e Vilagarcía de Arousa- o Centro Coreográfico Galego busca a captación de novos espectadores para a danza, a través de novas linguaxes escénicas, que mesturan distintas disciplinas e que conectan co público máis novo.
O proceso creativo
Froito da residencia de Roberto Oliván en Galiza durante tres meses, este traballo é unha reflexión sobre a vida e sobre a nosa capacidade de resposta ante ela. No escenario amósanse individuos expulsados, desconectados e abandonados, que buscan unha nova fórmula de supervivencia. Kiosco das almas perdidas está inspirado no mítico lugar do Berbés, en Vigo, como metáfora do punto de encontro entre personaxes dispares unidos por un forte carácter que se atopan no abrente do día.
Para levar a cabo o proxecto, Roberto Oliván reuniuse con profesionais de distintas disciplinas, buscando a colaboración entre eles. Este xeito de traballar, aberto e dinámico enriqueceu ao máximo a proposta, que conta con profesionais como Mercedes Peón a cargo da música, o Mago Antón na asesoría máxica, Baltasar Patiño na iluminación, Muriel Felix na videocreación, Roberto Magro ‘Tober’ na dramaturxia ou Fiumfoto na videocreación.
Sobre o escenario, once bailaríns de distintas nacionalidades dan vida a uns personaxes que viven no límite, espidos de formas e regras. Roberto Oliván propón ao espectador a busca dun lugar no que ser un mesmo, a través dunha posta en escena sen artificios na que se mesturan distintas disciplinas para amosarnos a alma espida do ser humano.
O director
Coreógrafo catalán formado no Institut del Teatre de Barcelona e na P.A.R.T.S. (Performing Arts Reseach and Training Studios) de Bruxelas, Roberto Oliván é un dos creadores máis destacados da danza contemporánea. Presenta este traballo despois dunha longa estadía en Bruxelas onde desenvolveu a súa actividade artística como intérprete e creador ao lado de grandes profesionais como Anne Teresa de Keersmaeker, Josse de Pauw, Trisha Brown ou Robert Wilson.
Dende 1996 crea as súas propias coreografías e imparte clases en distintos centros europeos. En 2001 funda a súa compañía Enclave Dance Company. É tamén o director artístico do Taller Internacional de Danza Contemporánea de Tortosa dende o 2004. Este taller celébrase anualmente no mes de xullo e nel participan bailaríns e estudantes de todo o mundo.
Con Kiosco das almas perdidas, o Centro Coreográfico Galego pretende apoiar aos novos creadores e abrir fronteiras, potenciando así o intercambio entre profesionais da danza, ofrecéndolle aos artistas a posibilidade de achegarse a outros xeitos de entender a arte e de enfrontar o proceso creativo.