Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

JUAN MARGALLO E PETRA MARTÍNEZ PROTAGONIZAN ESTA MONTAXE, QUE URÓC TEATRO PRESENTARÁ EN COMPOSTELA O XOVES 13 E O VENRES 14 DE MARZO ÁS 20.30 HORAS

O espectáculo 'Ados@dos' chega ao Salón Teatro tralo seu éxito en Madrid

[11/03/2008] A última produción da compañía Uróc Teatro, Adosa@dos, recala esta semana no Salón Teatro de Santiago, despois de permanecer en carteleira no Teatro Español de Madrid durante corenta días cunha excelente acollida de público. O espazo escénico de Compostela acolle dúas funcións do espectáculo que protagonizan Juan Margallo e Petra Martínez, que terán o xoves 13 e o venres 14 ás 20.30 horas.

Adosados

Ados@dos, montaxe escrita e ideada polos seus dous intérpretes, está cargada de crítica, ironía, sentido do humor e reflexións sobre diferentes temas de actualidade: a emigración, a seguridade, os tránsfugas políticos ou mesmo o teatro. Margallo e Martínez, dous actores cunha ampla experiencia, con anos de traballo e de vida en común, están perfectamente "adosados" nesta obra onde interpretan a unha parella aloxada nun chalé, por suposto, tamén adosado. Son el e ela, roles que se intercambian cando queren e aos que secunda Ruperto, un minúsculo mordomo robotizado ao servizo da parella. Os dous protagonistas entran e saen da escena mesturando realidade e absurdo.

Herdeiros do grupo Tábano

A obra, asinada por ambos baixo o pseudónimo de John Petrof, leva o selo de Uróc Teatro, a compañía que fundaron nos anos 80, herdeira dos grupos Tábano, El Búho e El Gayo Vallecano. Entre estes antecedentes de Uróc, figuran montaxes que pasaron á historia do teatro independente como Castañuela 70, El retablillo de Don Cristóbal, La sangre y la ceniza e Ejercicio para equilibristas.

Con Uróc Teatro levaron a cabo innumerables xiras por España e América Latina e participaron nos festivais máis importantes con obras como Para-lelos 92, La mujer burbuja, La tuerta suerte de Perico Galápago, La mujer sola y la madre pasota ou El Sr. Ibrahim y las flores del Corán, pola que Margallo recibiu o Premio Max ao mellor actor protagonista, e que estivo na programación do Salón Teatro a pasada temporada escénica.

Petra Martínez, Premio María Guerrero á mellor actriz nos Premios de la Villa de Madrid 2006, adquiriu popularidade nos últimos tempos polo seu papel na serie Herederos de TVE.

As entradas para asistir ás dúas funcións de Ados@dos poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo de cada representación. Tamén poden adquirirse xa na billeteira electrónica a través do teléfono 902 43 44 43 ou da web www.caixagalicia.es. O prezo das localidades é de 10 euros (cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados).

Ligazóns