[06/03/2008] Baby Dee pechará este sábado día 8 ás 22:00 horas no Salón Teatro a extensión en Santiago de Compostela do Festival Sinsal, cun concerto no que a singular artista norteamericana presentará o seu novo disco Safe Inside The Day . Dee compartirá cartel cos galegos O Fillo Pausado, a innovadora proposta do vigués Magú Castromil. Con esta actuación clausúrase a programación musical inserida dentro do Sinsal Santiago, un certame estacional que ten a súa orixe e sede principal en Vigo, e que, grazas á colaboración dos organizadores co Centro Dramático Galego (CDG) levou a Compostela nesta segunda edición a Matt Valentine & Erika Elder with The Golden Road, Igloo, Michael Gira e Fabrizio Modonese (r).
Protexida de David Tibet (líder da banda Current 93) e de Marc Almond e tras pasar pola formación de Antony & The Johnsons, Baby Dee é unha cantante afastada de etiquetas, unha curiosidade no panorama musical actual que se autodenomina como "andróxina artista circense". Completamente desacomplexada, xoga coa súa transexualidade aplicando o humor na estética e o arrebato nas súas letras e música. Os entendidos considérana posuidora dunha voz fascinante, de técnica absolutamente distinta ao acostumado dentro do gótico ou do son etéreo. Pero non é só a súa poderosa voz o que fai que Dee sexa tan peculiar, toda a súa posta en escena é puro circo e diversión.
A RAÍÑA DO BAIXO MANHATTAN
Acompañada dunha arpa, un acordeón ou un piano, esta insólita cantautora simplemente crea música para sobrevivir, sinceira e delicada. As súas cancións navegan entre a tristura, o medo e a nostalxia, especialmente da inocencia perdida. Nacida en Cleveland, Ohio, en 1953, comezou tocando o piano. Foi directora musical e organista nunha igrexa católica do Bronx (Nova York), e liberábase tocando a arpa en Central Park. Nos anos 90 triunfou cun papel no Coney Island Sideshow, imitando á súa adorada Shirley Temple e, sobre todo, subida nun curiosísimo triciclo con arpa integrada, creado especialmente para ela polo artista George Bliss. Con este extravagante triciclo percorreu durante anos o downtown neoyorquino, o que lle valeu o apelativo de "A raíña do baixo Manhattan".
O concerto de Baby Dee irá precedido da actuación de O Fillo Pausado, a arriscada e innovadora proposta do vigués Magú Castromil, quen a finais dos anos 90 edita Ele , un vinilo cheo de emocións, de letras abertas ás ideas do e circunstancias do suxeito oínte. Nick Drake, LLuis Llach, Nick Cave, Pink Floyd... asómanse a este traballo que publica co selo independente vigués Man Records. Desde aquela, a edición dos seus discos está nas mans de Javier Abreu a través de Ediciones Antropopmórficas. Unidades , o seu último traballo no mercado, incorpora tamén unha violinista: Eva.
As entradas para asisitir ao concerto de Bady Dee e O Fillo Pausado poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo do espectáculo. Tamén poden adquirirse na billeteira electrónica a través do teléfono 902 43 44 43 ou da web www.caixagalicia.es. O prezo das localidades é de 10 euros (cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados).