Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

CONTINÚAN OS CURSOS 'PISTAS PARA UNHA DRAMATURXIA DA ACTUALIDADE II' E 'A ESCENA AUMENTADA: GALIZA'

O portugués Jacinto Lucas Pires imparte un obradoiro de escritura teatral no Centro de Creación Dramática do CDG

[03/03/2008] O Centro de Creación Dramática Contemporánea do Centro Dramático Galego (CDG) retoma a partir de hoxe a súa actividade en Compostela co inicio do terceiro obradoiro do curso de escritura teatral Pistas para unha dramaturxia da actualidade II, impartido polo dramaturgo portugués Jacinto Lucas Pires e supervisado por Cándido Pazó, e da segunda parte do laboratorio de investigación e innovación escénica a cargo de Rosa Sánchez e Alain Baumann, de Kònic Thtr.

O Salón Teatro acolle dende hoxe e até o venres 5 o encontro con Lucas Pires no que, baixo o título "Escribir teatro: dar claridade ao misterio", se analizarán varios aspectos do teatro dende o punto de vista do autor. Os 12 alumnos participantes debaterán algunhas das cuestións que xorden no momento da creación como a tensión entre a lingua na que se escribe e na que se fala, a evolución das personaxes, a organización da estrutura, a importancia dos diálogos... Este traballo desenvólvese a través de exercicios prácticos sobre diversos tópicos como "a estrutura non serve apenas para organizar ou moldear un corpo de ideas e imaxinacións" ou "as personaxes deben sufrir algunha transformación, chegar ao fin diferentes do que eran, isto é, máis iguais ao que son".

O curso completo Pistas para unha dramaturxia da actualidade II ten como finalidade que os asistentes poidan crear un texto dramático ao longo dos meses nos que se realiza a actividade, de novembro a maio. Está composto por catro obradoiros dunha semana de duración nos que, a partir da identificación e do estudo dos múltiples temas que poden definir a actualidade, se traballan os distintos enfoques, estratexias e camiños dramatúrxicos para abordalos. Patrick Lerch impartirá o último obradoiro do encontro que terá lugar do 5 ao 9 de maio.

Referente da literatura portuguesa contemporánea

Dramaturgo e cineasta, Jacinto Lucas Pires é considerado unha das voces máis significativas da literatura portuguesa contemporánea. En 1996 publicou o seu primeiro libro de contos, Para averiguar do seu grau de pureza, ao que seguiron Azul Turquesa (1998), Abre para cá (2000), Livro usado (2001), Do sol (2004), e Figurantes (2005), así como as pezas de teatro Universos e Frigoríficos, Arranha-Céus, Escrever, falar, No fundo no fundo, Coração transparente, Os días de hoje e Coimbra b. No cine, escribiu e realizou as curtametraxes Cinemaamor (1999) e B.D: (2004).

Por outra banda, tamén hoxe dá comezo a segunda parte do curso A escena aumentada: Galiza, un laboratorio de investigación, desenvolvemento e innovación en dramaturxia, coreografía e linguaxes de comunicación audiovisual interactiva que se desenvolve en formato de módulos (encontros) teórico-prácticos. O proxecto está deseñado como unha experiencia interdisciplinar que combina a instalación e a performance e busca unha relación entre movemento, palabra, vídeo, son e datación dixital xestionados en escena a tempo real. Dirixidos pola coruñesa afincada en Barcelona Rosa Sánchez e o francés Alain Baumann, un total de 13 alumnos participa neste obradoiro que terá lugar na Sala Vidal Bolaño de Santiago até o sábado 8. Este curso conta, ademais, coa colaboración do Centro Coreográfico Galego, da vicerreitoría de Extensión Cultural da Universidade de Santiago e da Consellería de Innovación e Industria.

Pioneiros en instalacións e performances intermedia

Rosa Sánchez e Alain Baumann son os impulsores da liña conceptual, creativa e tecnolóxica de Kònic Thtr. Comezan a súa colaboración en 1990 baixo este sobrenome e dende entón contan cunha longa traxectoria profesional en relación coa investigación sobre as novas tecnoloxías. De feito, a prensa especializada recoñéceos como un colectivo pioneiro na presentación de instalacións e performances intermedia na escena internacional.

Especializáronse na creación de proxectos artísticos que incorporan sistemas de tempo real: proxectos expositivos e escénicos que implican tecnoloxías interactivas, linguaxes audiovisuais e multimedia, música, performance ou danza. A formación de Rosa Sánchez (artista multidisciplinar e multimedia, performer e coreógrafa) e a de Alain Baumann (músico, artista multimedia e investigador de novos sistemas para producir son) fan posible o carácter multidisciplinar dos seus proxectos, que abranguen performances, instalacións plásticas e escenografía. A súa traxectoria vén avalada pola participación en numerosos festivais e eventos multimedia, en espazos tan prestixiosos como o Institute of Contemporary Arts (ICA) de Londres, o Centro Nacional de las Artes de México DF ou o Museo de Arte Contemporáneo de Barcelona (MACBA).