Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

OFRECE UNHA FUNCIÓN PARA PÚBLICO FAMILIAR O MÉRCORES 5 DE MARZO, ÁS 21.00 HORAS, E OUTRA CONCERTADA PARA ESCOLARES O XOVES 6, ÁS 11.30 HORAS

O CDG representa 'Valdemuller' no Pazo da Cultura de Pontevedra

[29/02/2008] O Pazo da Cultura de Pontevedra acolle os días 5 e 6 de marzo a nova produción do Centro Dramático Galego (CDG), Valdemuller, un espectáculo de teatro de obxectos dirixido polo arxentino Pablo Vergne segundo unha creación colectiva realizada a partir da novela de Xosé A. Neira Cruz. Con esta segunda produción da temporada 2007-2008, o CDG arrisca na súa aposta por unha combinación de elementos tradicionalmente asociados a programacións consideradas menores, como son o teatro de monicreques e o teatro dirixido especialmente a público en idade adolescente.

Valdemuller

Valdemuller ofrecerá dúas funcións no Pazo da Cultura: unha para público familiar (mércores 5, ás 21.00 horas) e outra concertada para ao alumnado de segundo e terceiro ciclo de Educación Primaria e de Bacharelato (xoves 6, ás 11.30 horas). As entradas, ao prezo de 5 € e 3 € (estudantes, parados e xubilados), poránse á venda na billeteira do Teatro Principal o mesmo día da función de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 19.00 horas e no Pazo da Cultura, unha hora e media antes do comezo da representación. Tamén poden adquirirse na billeteira electrónica a través do teléfono 902 504 500 ou da web www.caixanova.es.

O CDG está a desenvolver unha extensa xira con este espectáculo, cun total de 55 funcións programadas que discorre polas localidades de Ourense, Narón, Santiago de Compostela, Vigo, Carballo, O Barco de Valdeorras, Vilagarcía de Arousa, Ribadeo e Ferrol, ademais de Pontevedra. Asemade, a produción viaxará fóra de Galiza e será representada no Centro Teatral Escalante de Valencia, que se caracteriza pola súa especialización no teatro infantil e xuvenil (o día 26 de abril para público familiar e os días 28, 29 e 30 para escolares, con dúas funcións diarias) e no Festival Internacional de Teatro Fazer a Festa da cidade portuguesa de Porto (4 de maio), un dos certames máis importantes celebrados da Península Ibérica.

Tradición e innovación

Director arxentino afincado en Madrid, Pablo Vergne caracterízase por un estilo moi persoal que combina tradición e innovación, economía de medios e máxima expresividade, exploración de materiais e reciclaxe de obxectos, procura de novas linguaxes escénicas e complicidade co público no feito teatral. A súa creación El ghato Manchado y la Golondrina Sinhá recolleu o aplauso unánime tanto do público como da crítica e participou na esixente programación infantil do Piccolo Teatro de Milán.

Para Valdemuller contou cun equipo artístico integrado polas actrices-manipuladoras galegas Alba Grande, Montse Piñón, Raquel Queizás e Manuela Varela, ademais de María de la Iglesia (espazo escénico e vestiario das actrices), Mari Carmen Pérez Pastor e Gador Enríquez (vestiario dos monecos), Octavio Mas (iluminación) e María Eugenia Romero Baaamonde (axudante de dirección). Ricardo Vergne, Gustavo Brito, Javier Gallego e Bernardo Rodríguez foron os encargados de realizar os 17 bonecos de case 60 centrímetros de altura construídos en látex, goma espuma e poliuretano sobre unha estrutura interna de madeira, PVC e aluminio.

Sinopse

O punto de partida desta divertida comedia é o décimoquinto aniversario de Mina. A súa familia está a prepararlle unha festa con posta de longo incluída, aínda que non é do seu gusto. A sorte fai que algúns dos tópicos da festa sufran certos cambios involuntarios, como o acontecido co elegante traxe que lle tiñan preparado. Un agasallo misterioso desencadea unha investigación: Mina recibe un colgante en forma de estrela de sete puntas ante o cal toda a familia experimenta un certo nerviosismo. A rapaza, pouco e pouco e coa axuda da súa tía Olga, vai descubrindo os segredos que agocha o galano e as historias que oculta a súa familia. O colgante, que leva inscrito o nome de Valdemuller, pertence a súa tía avoa Estrela, que marchou moitos anos atrás a vivir ao monte.

A partir da entrega do obxecto máxico comeza para Mina a verdadeira busca da súa identidade. Emprende unha viaxe ata Valdemuller chea de aventuras e perigos e, ao tempo que descobre o que significa ser unha "filla da lúa", experimenta un proceso de autocoñecemento e maduración que a axudarán a continuar a súa vida a través doutra perspectiva. Os artistas e creadores multimedia pontevedreses Roi Fernández e Isaac Cordal (Fundación Intemperie) foron os encargados de realizar o apoio visual para esta viaxe iniciática que emprende Mina.

Actividades de formación

Co obxectivo de apoiar esta programación escénica na cidade de Pontevedra e fomentar o achegamento dos rapaces ao teatro dun xeito divertido e novedoso, o equipo do CDG levará a cabo entre os días martes 4 e venres 7 tres actividades de formación. Así, desenvolveranse dúas sesións diarias de iniciación ao teatro, iniciación á narración oral e apoio a montaxes escolares nos CEIP de Ponte Sampaio, Lérez, Seixo, Cabanas, Carballedo e Santo André de Xeve.

Documentación