Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

ESTÁN PREVISTOS MÁIS DE 570 CONCERTOS PARA 2008

Máis de 80 grupos actuarán en 47 salas da Rede Galega de Música ao Vivo

[16/02/2008] Máis de oitenta grupos e solistas, a maioría deles galegos, actuarán este ano por salas de todo o país dentro da programación da Rede Galega de Música ao Vivo (RGMV). Este circuíto promovido pola Consellaría de Cultura e Deporte a través do IGAEM e a asociación Clubtura, chega ao seu segundo ano en funcionamento. A data de hoxe xa están previstos para este ano 576 concertos en 35 localidades.

As salas inscritas en 2008 na RGMV acollerán actuacións de 83 grupos e solistas de todos os estilos musicais: folk, rock, pop, blues, música electrónica, jazz e canción de autor, entre outros. 75 destes grupos son galegos, mentres que 8 proceden doutros lugares da Península: 6 de Madrid, un de Alicante e un de Portugal. No proceso de selección dos grupos e solistas, o IGAEM recibiu un total de 486 preinscricións, entre os que se escolleron os participantes atendendo a criterios de interese cultural, oportunidades de promoción, calidade e traxectoria da formación, pluralidade estilística e pluralidade lingüística en canto á presenza e promoción da lingua galega.

En 2008 participan 47 salas de toda Galiza, das cales 23 están situadas na provincia de Pontevedra (en Vigo, Pontevedra, Redondela, Marín, Bueu, O Porriño, Nigrán, Baiona, O Grove, A Illa de Arousa, Pontecaldelas, Cangas, Ponteareas, Salvaterra, Sanxenxo e Caldas de Reis), 13 na Coruña (Santiago, Ferrol, A Coruña, Ordes, Cariño, Culleredo, A Laracha e Melide), 6 en Lugo (Monforte, Vilalba, Sarria, Cervo, Chantada e Lugo) e 5 en Ourense (O Barco, A Rúa, Allariz, Xinzo de Limia e Ourense).

Ata o día de hoxe están xa confirmados 576 concertos dentro da Rede. 297 celebraranse nas salas da provincia de Pontevedra, 150 nas da Coruña, 71 nas de Lugo e 58 nas de Ourense.

A Rede Galega de Música ao Vivo botou a andar en febreiro de 2007 co obxectivo de consolidarse como un circuíto estábel de distribución musical que serva, ao tempo, de plataforma de promoción para os intérpretes e contribúa a optimizar a súa presenza en toda Galiza. A súa posta en marcha saldouse cun éxito notable, e supuxo a materialización dunha liña de actuación longamente demandada polos diferentes tipos de recintos que ofrecen música en directo para público reducido e á que poden acceder tanto as formacións emerxentes como outras máis consolidadas.

798 actuacións en 2007

Ao longo de 2007, a Rede Galega de Música ao Vivo programou un total de 798 concertos a cargo de 71 grupos e solistas de diferentes estilos nun total de 49 salas de toda Galiza. Máis de 37.000 persoas asistiron aos concertos, programados en 34 localidades.