Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

O IGAEM EDITA ESTA PUBLICACIÓN SEMESTRAL E GRATUÍTA QUE PROMOVE E INFORMA DAS ACTIVIDADES DA REDE GALEGA DE TEATROS E AUDITORIOS E DA REDE GALEGA DE SALAS

Chega aos teatros galegos un novo número da revista 'Paraíso'

[14/02/2008] O IGAEM vén de publicar o terceiro número da revista Paraíso, centrado na programación que ofrecen neste primeiro semestre de 2008 os dous circuítos de distribución escénica que promove este organismo da Consellaría de Cultura e Deporte: Rede Galega de Teatros e Auditorios, en colaboración con 45 concellos e entidades; e Rede Galega de Salas, integrada por Teatro del Andamio (A Coruña), Sala Nasa (Compostela), Teatro Ensalle (Vigo) e Teatro Arte Livre (Vigo), que se incorpora a partir de agora aos contidos desta publicación semestral e gratuíta.

Portada do nº 3 de Paraíso

As dúas redes suman 794 funcións a cargo de 128 compañías –102 galegas–, que poñen en escena un total de 143 espectáculos. O teatro, que continúa a protagonizar a porcentaxe máis elevada de representacións, comparte espazo coa danza, a maxia e a música de cámara nunha programación que se desenvolve en diferentes espazos de 42 cidades e vilas galegas. Neste sentido, a revista conta cun caderno central no que se recollen todas as funcións ordenadas por provincias e localidades, ademais de ofrecer as fichas artísticas de cada un dos espectáculos.

Teatro fronte a televisión

A portada deste terceiro número -que o IGAEM distribúe en medio cento de teatros e auditorios galegos, así como nas bibliotecas públicas- está xa a disposición dos espectadores de xeito gratuíto nos teatros galegos,está protagonizada polas actrices María Bouzas e Rocío González e polos actores Xúlio Abonjo e Víctor Mosqueira que, en páxinas interiores, falan das súas experiencias profesionais en teatro e televisión, e sobre as diferenzas e exixencias do seu oficio nos escenarios e no audiovisual.

Paraíso bota tamén unha ollada á traxectoria de dúas compañías senlleiras da escena galega: Teatro do Atlántico, da man do seu director e fundador, Xúlio Lago; e Talía Teatro, que celebra o seu vinte aniversario sobre as táboas. Completa o apartado de teatro, unha entrevista ao polifacético Quico Cadaval e unha visita á factoría onde a compañía Galitoon crea os bonecos para as súas producións.

As páxinas de danza están dedicadas á estrea de Negro, coprodución da Compañía Daniel Abreu co Centro Coreográfico Galego, e ao traballo da compañía compostelá BStudio, mentres que a maxia chega da man de Kiko Pastur. Ademais, a revista abre unha nova sección dedicada ao traballo que realizan os promotores e xestores culturais nos seus respectivos espazos escénicos, que queda inaugurada cun percorrido polo Pazo da Cultura de Carballo.

Este terceiro número complétase cos comentarios de teatro e danza que asinan Víctor López Carbajales e Beatriz Bravo, respectivamente, ademais de con outras seccións, como novas en breve e opinións de espectadores.

Ligazóns