Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

AS BANDAS VENCEDORAS NESTE CONCURSO INTEGRARANSE NA REDE GALEGA DE MÚSICA AO VIVO, PROMOVIDA POLO IGAEM E A ASOCIACIÓN CLUBTURA

O IGAEM e a Concellaría de Cultura da Coruña colaborarán na promoción dos grupos gañadores do certame A CoruñaSon

[13/02/2008] O Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais (IGAEM) integrará os grupos gañadores do certame A CoruñaSon na Rede Galega de Música ao Vivo, circuíto promovido polo organismo da Consellaría de Cultura en colaboración coa asociación Clubtura. As formacións que resulten vencedoras do certame que organiza o Concello da Coruña terán garantido un mínimo de dous concertos nesta rede, cun caché duns 500 euros por actuación.

Así o anunciou onte a concelleira de Cultura da Coruña, María Xosé Bravo, trala reunión que mantivo co xerente do IGAEM, Miguel Martín, e representantes de Clubtura co obxectivo de buscar fórmulas conxuntas para a promoción deste concurso.

A Rede Galega de Música ao Vivo (RGMV) está integrada por preto de 50 salas de toda Galiza, que viñan desenvolvendo dende hai anos de forma continuada unha programación de carácter cultural. No ano 2007 o IGAEM acordou coa asociación Clubtura a posta en marcha dun circuíto estable de salas, dirixido a dotar os músicos galegos dun espazo de traballo complementario do mercado estival. Desta forma incidíase na potenciación do mercado interior, paralelamente ao traballo que se estaba a desenvolver na promoción da presenza exterior da música galega.

Actualmente a programación anual da RGMV supera as 600 actuacións anuais e conta coa participación de 80 formacións, na súa maioría galegas. No ano 2008 a programación xeral verase complementada cos ciclos de novos creadores impulsados en colaboración co Concello da Coruña.

A web de A CoruñaSon recibiu xa 53.000 visitas

O certame A CoruñaSon esta concebido como un concurso de creación de canción popular, no que os participantes deben subir os vídeos ou MP3 das súas cancións orixinais á web http://acorunason.eu até o 5 de marzo.

A Concellaría de Cultura informou de que nestes momentos, cando ten transcorrido aproximadamente a metade do prazo de presentación de cancións, a web de ACoruñaSon ten acumulado case 53.000 visitas e conta con 300 usuarios rexistrados, entre artistas e votantes. Nestes momentos hai 33 vídeos/MP3 subidos a concurso.

A CoruñaSon ten tamén unha páxina en Myspace: http://myspace.com/acorunason. A través dela ten contacto con boa parte dos artistas galegos dedicados á canción popular. A CoruñaSon quere facer unha convocatoria aos autores/as e grupos de música galega para que envíen as súas noticias a cultura@coruna.es e serán anunciadas na sección de Noticias e Axenda do certame.