Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

O SALÓN TEATRO ACOLLE DO 11 AO 14 DE FEBREIRO, DE 10.00 A 12.00, OS ADESTRAMENTOS FÍSICOS DO PERFORMER GALEGO E OS DÍAS 15 E 16, ÁS 20.30 H, DOUS ENSAIOS PÚBLICOS E GRATUÍTOS

Diego Anido abre ao público os ensaios de "Cascuda", coprodución do CDG

[11/02/2008] O Centro de Creación Dramática do Centro Dramático Galego (CDG) acolle a residencia técnica de Diego Anido quen, dende hoxe e até o sábado 16 de febreiro, traballa no Salón Teatro na súa última creación, Cascuda, que coproduce o CDG e será estreada en maio na Sala Nasa. Até o xoves, o creador galego abre ao público os seus adestramentos físicos en horario de 10 a 12 horas, mentres que o venres 15 e o sábado 16 ofrecerá dous ensaios públicos e gratuítos que darán comezo ás 20.30 horas.

Diego Anido leva máis dun ano traballando no proceso de investigación de Cascuda, na procura e desenvolvemento de imaxes, escenas, textos, accións, coreografías en movemento... Tal e como é habitual nas pezas de creación, a formalización dramatúrxica está intimamente ligada aos procesos de ensaio e composición da proposta. Por este motivo, a tres meses da estrea, o performer quere realizar varias mostras do traballo en curso, ofrecendo un achegamento á súa metodoloxía.

Experiencia pioneira

Para o CDG, esta exhibición work in progress é unha experiencia pioneira, xa que é a primeira vez que a compañía pública aposta por este tipo de residencia onde ofrece ao creador a posibilidade de traballar cos medios e os recursos que lle proporciona un espazo escénico como o Salón Teatro.

Diego Anido, un dos creadores galegos máis relevantes dos últimos anos cun discurso artístico que racha coas fronteiras das disciplinas escénicas convencionais, asume tamén a dirección e a interpretación desta montaxe que se inspira no "desprezo" que provoca a cascuda, pero tamén na súa resistencia e axilidade á hora de descubrir lugares nos que agacharse, para compoñer unha peza escénica que se nutrirá da súa formación en teatro, teatro-danza e música, entre outras disciplinas.