[18/01/2008] A Factoría Escénica Internacional (FEI) porá en escena esta fin de semana no Salón Teatro de Compostela El agresor, montaxe teatral da que ofrecerá dúas funcións, o sábado 19 ás 20:30 horas e o domingo 20 ás 18:00 horas. Trátase dun espectáculo alternativo, fóra dos círculos convencionais, que conta coa dirección de Carme Portaceli, un dos máis destacados nomes da escena catalá.
Con esta peza de teatro comprometido, a FEI convida a reflexionar sobre a lacra dos abusos sexuais a menores, amosando a natureza inconfesable deste tipo de delitos e a horrorosa naturalidade e indiferenza con que a viven os agresores. Os protagonistas, Petra e Paul, son dous rapaces que sofren abusos por parte do seu pai e da súa nai, respectivamente. O destino que comparten lévaos a encontrarse e xuntos tentan frear os malos tratos que soportan. Así, os dous mozos serán capaces, a partir do mero feito de nomear as atrocidades, de romper o tabú que os afogou durante toda a infancia.
Música en directo
El agresor, obra do autor alemán Thomas Jonigk, contou coa colaboración da coreógrafa e bailarina Marta Carrasco como directora de movemento. Eva Cartañà, Queralt Casasayas, Gabriela Flores, Llorenç González e Albert Pérez conforman o elenco do espectáculo, en tanto que a música foi composta por Dani Nel•lo, que a interpreta en directo xunto co tamén saxofonista Jordi Prats.
As entradas para asistir ás representacións de El agresor poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro dende dúas horas antes do comezo do espectáculo. Tamén poden adquirise na billeteira electrónica a través do teléfono 902 43 44 43 ou da web www.caixagalicia.es. O prezo das localidades é de 10 euros para o sábado (cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados) e de 5 euros para o domingo, día do espectador.
Unha plataforma para as artes escénicas contemporáneas
Con sede en Barcelona, a Factoría Escénica Internacional é unha plataforma orientada á creación, produción e difusión das artes escénicas contemporáneas. Liderada pola directora teatral Carme Portaceli, está impulsada e xestionada por un colectivo de profesionais procedentes de todas as disciplinas deste sector, entre os que se atopan, Marta Carrasco, Dani Nel•lo, Lurdes Barba, Pepa López, Paco Azorín o Lluïsa Castell.
A partir dun pequeno núcleo de xestión e dos recursos que lle proporciona a Nau Ivanow de Barcelona –un centro cultural multidisciplinario–, a FEI ofrece aos seus colaboradores e participantes unha xestión profesional para os seus proxectos coa finalidade de garantir a continuidade e a estabilidade das propostas entre un público amplo e variado.
Thomas Jonigk (Eckernförde, Alemaña, 1966) cursou estudos sobre a época do medievo, literatura e teatro contemporáneo na Universidade Autónoma de Berlín. Ao fundar a compañía teatral independente Theater Affekt, inicia unha estreita colaboración co director Stefan Bachmann. Entre 1997 e 1999 traballa como primeiro dramaturgo e director no Schauspielhaus Wien, con Hans Gratzer. Entre os premios e galardóns que conseguiu cómpre destacar o premio da Fundación de Autores de Frankfurt (1993) e o do Instituto Alemán (1995), entre outros.