[16/01/2008] O Centro Coreográfico Galego (CCG) e a compañía Daniel Abreu estrean o vindeiro venres 18 ás 22.00 horas no Teatro Ensalle de Vigo o espectáculo Negro, primeira proposta do plan de coproducións do CCG para actual temporada, na que se presenta un traballo intimista dirixido polo coreógrafo canario e interpretado por el mesmo xunto a tres bailarinas galegas. A peza, que permanecerá na sala viguesa toda a fin de semana, exhibirase tamén no Salón Teatro de Santiago de Compostela os próximos 26 e 27 de xaneiro.
Con Negro, o Centro Coreográfico Galego, a unidade para a promoción da danza da Consellaría de Cultura e Deporte, continúa coa liña aberta o pasado ano de apoio á materialización de proxectos coreográficos xurdidos a iniciativa de profesionais procedentes de compañías privadas. Estes proxectos, como foi o caso da creación de Daniel Abreu, reciben, xunto a unha dotación económica, un acompañamento do equipo do centro durante o proceso de creación e produción, ademais do deseño da planificación dos recursos específicos para cada nova montaxe.
Se o pasado 2007 os espectáculos coproducidos polo Centro Coreográfico foron Arteaescena con Experimenta Danza e 30.000 con Pisando Ovos, nesta temporada verán a luz nos próximos meses Tradición, con Nova Galega de Danza; e Femenine, con Paulo Ribeiro, o que suporá o avance neste xeito de colaboración coa danza galega, inédito ata o momento, e complementario á produción propia, apartado este último no que se insire a estrea o vindeiro 29 de febreiro de Kiosco das almas perdidas, a cargo do coreógrafo Roberto Oliván.
O corpo como único instrumento
Negro está dirixido e coreografiado por Daniel Abreu, quen tamén forma parte da interpretación desta peza xunto ás bailarinas galegas, afincadas en Madrid, Andrea Quintana, Janet Novas e Anuska Alonso. O traballo fundaméntase no corpo como único instrumento motor de toda sensación. Clasificada no marco da danza contemporánea e da improvisación, a montaxe constrúese partindo das experiencias dos intérpretes ante a súa memoria e ante a súa calidade de movemento. Completan o equipo desta coprodución Igor Calonge como asistente de produción, TRAStornados no vestiario e Miguel Gil, Haru Mori e Masahiro Hiramoto na música.
Ademais, para a realización de Negro, a compañía contou coa titoría artística de Lipi Hernández , coreógrafa da compañía catalá Malqueridas e do centro de creación La Caldera de Barcelona. Hernández tivo varios encontros con Daniel Abreu e a súa compañía, compartindo con eles o proceso creativo e aportando a súa ollada externa e experiencia.
Bailarín e coreógrafo de gran talento, Daniel Abreu traballou para compañías como Provisional Danza ou Matarile Teatro. Foi asistente de dirección de Ana Vallés e Carmen Werner en Mi pie izquierdo e asistente de coreográfia da ópera Macbeth no Teatro Real. Obtivo o Premio do Xurado no XVIII Certamen Coreográfico de Madrid, xunto a Mónica García.
Actividade formativa paralela
Arredor desta coprodución estanse levando a cabo unha serie de actividades formativas paralelas, coas que achegar a danza ao público e propiciar o intercambio entre os profesionais. Dentro destas actividades formativas a compañía de Daniel Abreu realizou xa o pasado luns 14 de xaneiro un ensaio aberto no Teatro Ensalle de Vigo, ao que asistiron numerosos profesionais da danza que tiveron a oportunidade de ver como traballa este coreógrafo canario.
O mércores 16 a compañía de Daniel Abreu fará un ensaio aberto para Igualarte, unha asociación que traballa con nenos que teñen necesidade educativas especiais, e que empregan a danza para romper as súas barreiras comunicativas. As actividades formativas complétanse con dous talleres que se levarán a cabo o 22 e o 23 de xaneiro nos conservatorios de Lugo e A Coruña.
O Centro Coreográfico Galego pretende con estas actividades potenciar a súa función formativa, para o que conta coa colaboración dos conservatorios, escolas de danza, salas privadas, asociacións profesionais, etc. Estas actividades promoven tamén o intercambio entre os profesionais da danza, ofrecéndolle a posibilidade de achegárense a outros xeitos de entender o proceso creativo e a arte.