Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

O ESPAZO COMPOSTELÁN CREA O BONO CIDADANÍA, VÁLIDO PARA ASISTIR A CINCO FUNCIÓNS

A compañía Mudances abre a nova programación do Salón Teatro co espectáculo de danza 'Larandland'

[11/01/2008] O Salón Teatro de Santiago inaugura esta fin de semana a súa nova programación semestral co espectáculo de danza contemporánea Larandland, que a compañía catalá Mudances escenificará o sábado 12, ás 20.30 h, e o domingo 13, ás 18.00. Esta é a primeira proposta dunha ampla carteleira que, até o mes de xuño, dá cabida a un total de 56 funcións desenvolvidas por 18 formacións artísticas.

Larandland

Teatro, danza e música son os tres eixos que sustentan este novo calendario de actividades, mediante a presenza dunha coidada selección de compañías e artistas, tanto galegos como de fóra de Galiza, coa finalidade de consolidar o escenario que xestiona o Centro Dramático Galego (CDG) como espazo de exhibición referente para toda Galiza.

Con este mesmo obxectivo, o CDG inaugura a temporada de abono no Salón Teatro poñendo por vez primeira a disposición do público o Bono Cidadanía, válido por cinco localidades para asistir a outras tantas funcións –as dúas vindeiras producións do CDG máis outros tres espectáculos a elixir– por un prezo total de 38 €.

Clase maxistal de Àngels Margarit

A compañía catalá Mudances preséntase por vez primeira en Galiza con Larandland, un traballo estético e abstracto, dirixido por Àngels Margarit, que nos fala de situacións concretas que se viven na cidade inabarcable, como un organismo vivo, un gran corpo onde células e sistemas interconectados. A linguaxe coreográfica elaborada por Margarit nas súas diferentes creacións para a compañía Mudances será, ademais, o eixo da clase maxistral que a coreógrafa e pedagoga ofrecerá esta mesma tarde, de 15.30 a 18.00 horas, na escola Espacio Aberto de Compostela. O encontro, dirixido a profesionais da danza, está organizado conxuntamente polo CDG e o Centro Coreográfico Galego (CCG).

A programación de danza continuará os días 26 e 27 de xaneiro con Negro, coprodución do Centro Coreográfico Galego coa Compañía Daniel Abreu. O coreógrafo de orixe canaria é o creador desta peza –que interpreta xunto ás bailarinas galegas Andrea Quintana, Janet Novas e Anuska Alonso– fundamentada no corpo como único instrumento motor de toda sensación. A coreografía está integrada por escenas creadas desde a reflexión sobre accións cotiás e a partir da improvisación.

O espazo compostelán acollerá, ademais, a residencia artística de Diego Anido, que do 3 ao 10 de febreiro traballará aquí na súa creación Cascuda, coproducida polo CDG e da que ofrecerá dous ensaios abertos ao público os días 8 e 9 de febreiro. A peza estrearase o vindeiro mes de maio na Sala Nasa.

Festival Sinsal

Por segundo ano consecutivo, o Salón Teatro será o escenario da Extensión do Festival Sinsal, un dos certames musicais máis arriscados e innovadores de Galiza. Así, esta segunda edición ofrecerá en Compostela os concertos de tres influíntes grupos dentro do panorama das músicas contemporáneas: Matt Valentine & Erika Elder, acompañados dos galegos Igloo, actuarán o 31 de xaneiro; o norteamericano Michael Gira e o italiano (r) (nome artístico de Fabrizio Modonese Palumbo) farano o 23 de febreiro; e a americana Baby Dee e os galegos O Fillo Pausado protagonizarán o concerto do 8 de marzo.

Pola súa banda, o teatro será o gran protagonista canto a número de representacións programadas. Factoría Escénica Internacional, o proxecto liderado pola prestixiosa Carme Portaceli, porá en escena o sábado 19 e o domingo 20 de xaneiro a peza El agresor, un espectáculo de teatro comprometido que convida a reflexionar sobre os abusos sexuais a menores. Asemade, a compañía luso-galaica Voadora estreará os días 1 e 2 de marzo PeriFeria, primeira entrega da triloxía Poética de lugares comúnsFracaso, Olvido e Paraíso– que supón o despegue de Voadora como compañía. A obra, dirixida por Montse Triola, é o resultado dun proceso de creación colectiva, baseado no diálogo intercultural entre o grupo de autores composto por Jacinto Lucas Pires, Marta Freitas e Carlos Santiago. Ademais, os días 15 e 16 de marzo, o Salón Teatro ofrecerá outras dúas funcións teatrais aínda por determinar.

As producións do CDG pechan o calendario

O calendario de actividades dará paso a partir do 26 de marzo e até o día 20 de abril a cinco funcións semanais (de mércores a domingo) da montaxe Valdemuller, a próxima produción propia do CDG, dirixida especialmente ao público xuvenil, que actualmente se atopa en fase de ensaios e que será estreada o 15 de marzo no Teatro Principal de Ourense.

Baseado no texto homónimo de Xosé A. Neira Cruz, o espectáculo combina a tradición de monicreques galega coa experiencia e o discurso estético de Pablo Vergne, un auténtico mestre das montaxes de títeres, para asegurar un traballo orixinal e de moi boa factura. O CDG emprende, ademais, este proxecto coa pretensión impulsar a actividade escénica nas marxes dirixidas ao público adolescente.

A promoción da escrita teatral galega segue a ser un dos principais obxectivos do Centro Dramático Galego. Así, o ourensá Dani Salgado é o encargado de dirixir e coordinar o proxecto de dramaturxia residente desta temporada 2007-2008. Os autores Vanesa Sotelo, Rubén Ruibal (Premio Nacional de Literatura Dramática 2007) e Jacobo Paz –como representantes dunha nova xeración de dramaturgos galegos–, están a traballar conxuntamente nun espectáculo que servirá para reivindicar o novo teatro galego. A obra estrearase o vindeiro 2 de maio e permancerá no Salón Teatro até finais de mes tamén con cinco funcións semanais.

A maioría das representacións no Salón Teatro para público xeral serán ás 20:30 horas; agás os domingos (día do espectador), nos que as funcións teñen lugar ás 18:00 horas e se aplica un desconto do 50% sobre o prezo habitual de 10 euros.

Documentación