[08/01/2008] O Teatro Rosalía de Castro da Coruña acolle do 10 ao 13 de xaneiro o espectáculo do Centro Dramático Galego Noite de Reis. Ou o que queirades, obra de William Shakespeare que chega da man de Quico Cadaval, un dos directores máis consagrados do panorama escénico galego. A montaxe, que está a obter un grande éxito de público con cheos na práctica totalidade das funcións ofrecidas, combina un divertido xogo de enredos, contratempos, malentendidos, enganos e desenganos con apaixonantes historias de amor e desamor.
Rebeca Montero, María Bouzas, Xosé Manuel Olveira Pico e Marcos Orsi encabezan o elenco de 10 actores e actrices –Susana Dans, Víctor Mosqueira, Xan Cejudo, Marcos Correa, Borja Fernández, Simone Negrin– e no que tamén participan os músicos Bernardo Martínez, Suso Alonso e Ramón Orencio. Prestan asemade a súa colaboración artística para a posta en escena Baltasar Patiño (escenografía e deseño de iluminación), Gilda Bonpresa (vestiario), Bernardo Martínez (espazo sonoro e dirección musical) e Dolores Centeno (maquillaxe). Como axudante de dirección exerceron Marta Lago e Rebeca Montero.
A Coruña, espazo CDG
A compañía pública inaugura con esta montaxe, e en colaboración co Concello da Coruña, o proxecto ‘Espazos CDG’, un servizo de creación e difusión dramática que nace como unha forma de distribución dos seus espectáculos baixo uns criterios de continuidade e accesibilidade para todos os espectadores do país. Preténdese garantir o coñecemento das propostas artísticas do CDG, así como converter a súa estadía en cada comarca nunha gran festa do teatro.
Ademais da Coruña, son "Espazos CDG" Ferrol, Narón Ourense, O Barco de Valdeorras, Pontevedra, Vigo, Vilagarcía de Arousa, Tui e A Mariña (Burela e Ribadeo), localidades polas que, entre outras, está a discorrer Noite de Reis. Ou o que queirades, nunha xira que conta coa colaboración de Caixa Galicia.
Co obxectivo de apoiar e consolidar as programacións escénicas en todos estes lugares, o equipo do CDG realizou, conxuntamente coa compañía galega de novo circo Pistacatro, unha pequena función móbil que busca sorprender coa maxia das artes escénicas aos viandantes. Con aproximadamente vinte minutos de duración, demostrará que a escena é algo próximo, divertido e sorprendente, que forma parte da vida cotiá, desenvolvendo a súa acción naqueles espazos onde transcorre o pulso diario das vilas e das cidades, como son os mercados, as rúas, as estacións de tren e autobuses... Na cidade da Coruña este espectáculo desenvolverase mañá mércores 9 nas facultades de Filoloxía, Dereito e Informática, ás 11, 12 e 13 horas respectivamente.
Unha comedia sobre as tolemias do amor
Noite de Reis foi unha das primeiras obras de Shakespeare, que se presume foi escrita entre 1599 e finais de 1601. Representouse ao comezo da Restauración, mais non se imprimiu ata a súa inclusión no First Folio en 1623.
Trátase dunha comedia mediterránea sobre o amor e as tolemias e baballadas que este nos leva a facer. A acción comeza cando Sebastián e Violeta, irmáns xemelgos, naufragan ante a costa de Ilíria. Violeta consegue chegar case sen vida á praia. Ela cre que Sebastián morreu. Vestida de home e facéndose pasar por un paxe novo co nome de Cesario, pasa a servir na corte do duque Orsino que está "poética, apaixonada e desesperadamente namorado" da aflixida Lady Olivia, que o rexeita continuamente. Orsino utiliza a Cesario como confidente e como mensaxeiro para declararlle o seu amor a Olivia, pero Cesario -Violeta, en realidade- comeza a namorarse de Orsino mentres que Olivia, pola súa banda, se namora do mensaxeiro, que é Cesario. Namentres, Malvolio, servidor de Olivia, perseguirá o amor da súa ama e, a causa dunha confusión amañada, crerase correspondido, producíndose unha serie de situacións hilarantes que o levaran case a entolecer. Ao mesmo tempo, Antonio, capitán de barco, conseguíu rescatar do mar a Sebastián. Ambos desembarcan en Ilíria. A presenza de Sebastián na cidade será o comezo do fin do enredo.
Noite de Reis ofrecerá na Coruña un total de catro funcións: dúas concertadas para institutos (xoves 10 e venres 11 ás 11.30 horas) e outras dúas para o público xeral, o sábado 12 e domingo 13 ás 20.30 horas. As entradas, con prezos comprendidos entre os 13 e os 6 euros (con desconto do 20% para os usuarios do carné xove e maiores de 65 anos), poden adquirirse na billeteira da praza de Ourense de luns a venres de 10.00 a 13.30 e de 16.30 a 19.30 horas e os días de función na billeteira do Teatro Rosalía de Castro de 12.00 a 14.00 e de 18.00 a 20.00 horas. Tamén poden mercarse a través do teléfono 902 504 500 ou da web www.servinova.com.