[07/01/2008] A Consellaría de Cultura e Deporte pon en marcha o programa de asistencia financeira ‘Crédito Cultura’, mediante o que as empresas galegas de artes escénicas e musicais poderán beneficiarse de condicións vantaxosas na adquisición dos seus préstamos para o desenvolvemento de actividades de produción e distribución de espectáculos, así como de traballos discográficos. A conselleira de Cultura e presidenta do Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais (IGAEM), Ánxela Bugallo; e o director xeral de Caixa Galicia, José Luis Méndez, asinaron hoxe o convenio que recolle tanto o marco de colaboración xeral como as condicións concretas para poñer a disposición dos posibles usuarios esta novedosa iniciativa, que nace en execución das medidas apoio á industria cultural galega e ten por finalidade facilitar a consolidación dun tecido empresarial competitivo.
O ‘Crédito Cultura’ queda perfilado como un programa de asistencia financeira para as empresas solicitantes das axudas ao sector escénico e musical que outorga anualmente o IGAEM e, de feito, a medida pasa a ocupar un apartado específico de nova incorporación dentro da convocatoria de axudas para este 2008. A devandita asistencia materializarase a través da subsidiación de parte dos xuros aos titulares dos préstamos concedidos por Caixa Galicia como entidade colaboradora e en virtude do acordo subscrito.
CONDICIÓNS DOS PRÉSTAMOS
O importe máximo dos préstamos obxecto deste convenio, cuxa vixencia ten carácter indefinido, é de 60.000 euros, contía destinada a empresas constituídas como sociedades mercantís e dedicadas á actividade de produción e distribución no ámbito das artes escénicas e musicais, con domicilio ou sede social na Comunidade autónoma de Galicia, e que desenvolvan actividades de produción e distribución de espectáculos e traballos discográficos.
A valoración das solicitudes que se reciban por parte das empresas que opten a esta asistencia financeira, realizarase tendo en conta a traxectoria empresarial da sociedade e o interese do programa de actividades presentado.
O importe da subvención para o exercicio de 2008 non poderá superar os 3.000 euros anuais por solicitante, independentemente do número de operacións de crédito ou préstamo bancario das que se sexa titular. En exercicios económicos de anos sucesivos, as contías máximas serán as que se determinen nas ulteriores resolucións anuais de convocatorias á actividade escénica e musical.
Canto o tipo de xuro anual, este será o resultante de engadirlle 2 puntos –sen redondeo- ao tipo de referencia (euríbor interbancario a un ano corrrespondente ao mes de novembro do ano anterior publicado no Boletín Oficial do Estado).
Entre outras especificacións, estipúlase tamén que se poderá establecer unha comisión de apertura de até o 1% do principal, que Caixa Galicia poderá esixir as garantías persoais ou reais que oportunamente determine e que non se aplicará comisión ningunha por cancelación anticipada.
Co obxecto de asegurar a precisa eficacia no logro dos obxectivos establecidos no convenio, funcionará unha Comisión de seguimento do programa, que terá como función primordial a de avaliar a súa aplicación e resolver as posibles incidencias.