Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

EXHIBIRÁN OS ESPECTÁCULOS "GOLULÁ" E "AO SON DAS COUSAS" DENTRO DA MOSTRA INFANTIL DE NADAL

As compañías galegas Galitoon e Sapristi pechan o ano do Salón Teatro

[28/12/2007] As compañías galegas Galitoon e Sapristi, coas montaxes Golulá (día 29) e Ao son das cousas (día 30) respectivamente, serán as encargadas de pechar esta fin de semana a Mostra de Teatro Infantil de Nadal que organiza o Centro Dramático Galego (CDG) no Salón Teatro de Santiago de Compostela. Con estas dúas funcións, o espazo escénico que xestiona o CDG pecha un ano de programación continuada cun balance de 141 representacións, 77 delas de compañías externas, e máis de 20.000 espectadores.

Mañá sábado escenificarase Golulá, un espectáculo para o público infantil e familiar producido e realizado por Galitoon Productions, que impresionará dende o principio pola maxia e fantasía dos seus personaxes. Da súa man viaxaremos a un mundo misterioso e marabilloso. Golulá é un alegato á fantasía conseguida a través de diferentes ténicas (poppets, body-poppets e teatriño con luz negra), onde o ritmo e a musicalidade estarán presentes ao longo do espectáculo. A montaxe, ademais de estimular a imaxinación e a creatividade dos máis cativos, transmite valores éticos e positivos que promoven o respecto, a tolerancia e a solidariedade.

Andrea Bayer dirixe a obra e interpreta a un dos personaxes, xunto con Santiago Alonso, Chisco Casteleiro e Óscar Ferreira. A historia transcorre en Golulá, un país onde, a diferenza doutros, as persoas eran todas diferentes: de diferentes especies, de diferentes formas, de diferentes cores, mesmo falaban diferentes idiomas, pero aínda así todos se entendían. O máis curioso de Golulá é que só tiña unha nube, unha e ningunha máis. Pero os seus habitantes tiñan medo de perdela e por iso, un gardián moi especial coidaba dela: Bunkaa, un gorila moi grande, forte e de gran corazón. Neste país tamén vive a súa mellor amiga, Lara, unha nena aventureira, riseira e emprendedora. Pero un día, o malvado Doutor Terrier roubou a única nube de Golulá e os dous amigos comezarán unha viaxe por terra, mar e aire chea de aventuras e perigos para tentar salvar o seu país.

A Mostra de Teatro Infantil de Nadal clausúrase o domingo 30 coa compañía Sapristi, que porá en escena a peza Ao son das cousas, dirixida a nenos e nenas de 3 a 5 anos. Baixo a dirección de José Campanari e co apoio de Fernando Reyes na dirección sonora, Nuria Sanz e Patricia Vázquez protagonizan esta historia na que as dúas actrices interpretan a Sara e Berta, dúas escoitadoras e recolectoras de sons que andan de aquí para alá segundo as leve o vento, o son preferido da súa colección. Cada vez que o escoitan, saben que chega o momento de prepararen os vultos e deixárense levar a un novo porto. En cada lugar ao que chegan, son convidadas a xogar cos novos sons con que se atopan: os bocexos, o croar das ras, o ladrido dun can, o repenico dunha gota, o tictac dun reloxo... Este espectáculo de clown bota man dunha combinación de estímulos sonoros e visuais para propoñer unha viaxe lúdica por situacións cotiás ao son das cousas.

As dúas funcións darán comezo ás 19.00 horas e as entradas poden adquirirse –a un prezo único de 6 € por entrada e de 30 € o bono de seis entradas – no teléfono 902 43 44 43, na web www.caixagalicia.es ou no despacho de billetes do teatro dende dúas horas antes do comezo de cada representación.

BALANCE POSITIVO DO ANO 2007

Con estas últimas funcións, o Salón Teatro pecha o ano 2007 cun grande éxito de acollida da programación desenvolvida, tanto na actividade de exhibición da produción propia do Centro Dramático Galego, coas tres propostas escénicas que estreou ao longo destes 12 meses, como na selección de programación externa desenvolvida.

Así, máis de 3.700 espectadores disfrutaron en Compostela de Tarará-chis-pum!, unha montaxe destinada ao público familiar que, baixo a dirección de escena de Rosa Hurtado e Santiago Montenegro, de Artello–Teatro Alla Scala 1:5, desenvolveu un total de 12 funcións escolares e 7 para o público familiar. a proposta escénica de Cándido Pazó, A piragua, primeiro dramaturgo residente do CDG, levou a cabo un total de 23 representacións (7 concertadas con Centros de Ensino Secundario) ás que asistiron máis de 2.500 espectadores. Finalmente, a montaxe de Quico Cadaval sobre a obra de William Shakespeare Noite de Reis. Ou o que queirades supuxo todo un éxito de público con cheos na práctica totalidade das funcións ofrecidas. 3.591 persoas acudiron ao Salón Teatro de Santiago a ver esta peza que tras 18 funcións para estudantes e para público familiar iniciou a súa actual xira por distintas localidades galegas.

Ademais destas tres obras de produción propia, o CDG retomou o sistema de coprodución con empresas privadas. Así, grazas a esta liña de traballo o 14 de xuño o novo circo entraba por primeira vez no Salón Teatro co espectáculo Kamikaze, coproducido por Pistacatro Produtora de Soños, que permaneceu 4 días no escenario compostelán e foi vista por un total de 915 persoas. Tras o éxito da súa estrea, o espectáculo foi reposto en decembro.

45 COMPAÑÍAS ARTÍSTICAS EXTERNAS
No que atinxe á programación externa, o ano 2007 deu cabida a un total de 77 funcións, na que participaron 45 formacións artísticas, en tanto que o público para este apartado cifrouse en máis de 9.300 espectadores.

Nun achegamento por xéneros, a programación dedicada á danza comezaba no mes de xaneiro con Vacuo, o exitoso espectáculo do Centro Coreográfico Galego (CCG) que conseguiu encher o Salón Teatro con máis de 850 persoas en catro días de funcións. Bonnes & Oceans de Rui Horta, J’arrive, de Marta Carrasco, Elles de Alleretour, Los olvidados de Rayo Malayo, Ojos de Pez de Daniel Abreu dentro do Festival En Pé de Pedra, Malgré nous, nous ètions là da Compañía Paulo Ribeiro, así como as coproducións Arte a escena e 30.000, a cargo do CCG con Experimenta Danza e Pisando Ovos respectivamente conformaron a programación dedicada á danza moderna. En total, dez compañías desenvolveron 21 funcións que foron vistas por máis de 2.600 espectadores.

En canto ao apartado referido á música, o Salón Teatro acolleu no mes de febreiro un ciclo de música actual no que actuaron o dúo de saxo e electrónica Pedro Rebelo e Pablo Coello, o compositor galego Manuel Rodeiro que estreou o seu último traballo Fende-lo Son, e o grupo de percusión portugués Drumming que rendeu o seu particular tributo á obra do músico norteamericano Frank Zappa. Ademais, programouse unha extensión en Compostela do Festival Sinsal, un encontro de referencia para a música contemporánea en Galiza, que até agora se celebraba unicamente na cidade de Vigo. O Festival, ao que acudiron 316 espectadores, contou coas actuacións de A Hawk and A Hacksaw & The Hun Hungar Ensemble, a norueguesa Hanne Hukkelberg e o grupo inglés Tunng.

Xunto ás funcións de danza e música, o teatro foi o gran protagonista en canto a número de espectadores e funcións programadas: máis de 6.000 persoas disfrutaron das 54 funcións que realizaron compañías tan emblemáticas de fóra de Galiza como os portugueses Circolando coa montaxe Quarto Interior, o grupo vasco Ur Teatro con El chico de la última fila, Teatro Lliure e Centre d’Arts Esceniques de Reus-Caer con Last Chance (última oportunidade), La Zaranda con Los que ríen los últimos ou os madrileños de Rayo Malayo con Los olvidados, que compartiron carteleira cos últimos espectáculos das compañías galegas Teatro de Ningures, que estreou Emigrados; Berrobambán que fixo o propio con Boas Noites, ou Lagarta Lagarta e Matarile Teatro, con As últimas lúas e Truenos y misterios respectivamente. Teatro do Atlántico puxo en escena A bombilla máxica e Ancora Produccións, Medidas preventivas. O teatro non profesional tamén tivo o seu oco coa Mostra de Teatro Universitario celebrado no mes de maio, así como un certame de teatro escolar en xuño.